«Tamén se fai agricultura ecolóxica na casa»

La Voz

CARBALLO

A guía foi elaborada pola empresa Agronovo

02 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde a empresa Agronovo levan máis dunha década asesorando ás persoas que queren producir agricultura ecolóxica. O seu director técnico, Rafael Rivadulla, artífice da guía de Sogama, falou para o programa Ecovoz.

-¿A xente atrévese a facelo na casa?

-Si, hai bastante interese no consumo e tamén na produción. Desde que se implantou en Galicia no ano 1997 funciona bastante ben. Esta actividade está regulada para profesionais en principio, pero acaba atraendo a particulares. A xente practícao na casa, non só nas hortas. Quen non ten terreo faino en macetas nos pisos.

-¿Que se necesita para ter o selo ecolóxico?

-Unha certificación. Está protexido pola Unión Europea e hai un Consello Regulador que controla os operadores. Todo o identificado como produto ecolóxico pasou por un sistema de certificación. O que non quere dicir que na casa poidamos utilizar técnicas de agricultura ecolóxica para consumo propio, pero nunca os poderiamos vender como produtos «ecolóxicos».

-¿Como se evitan as pragas?

-Asociando o cultivo. Plantar no medio do terreo outro tipo de vexetal que pode ser inimigo para certas pragas. Hai moitas combinacións de plantas para ir alternando e así evitar que se traspasen dunha a outra

-¿É difícil seguir os pasos?

--A guía ten unha estrutura moi sinxela que se pode seguir facilmente, con fichas para cada cultivo. Está todo detallado, tamén o tipo de semente ecolóxica, que hoxe é fácil de atopar no mercado.

-¿Que beneficios trae para o medio ambiente?

-O grao de biodiversidade é máis alto, menos emisión de CO2... Todo son vantaxes.