Conseguir un horto limpo e ecolóxico ten a súa ciencia

Manuel Rial

CARBALLO

Sogama lanza unha guía de consellos para facer cultivos respectuosos co medio

02 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un visita os mercados e as tendas das rúas das nosas vilas rara vez non verá produtos de agricultura ecolóxica. Afortunadamente, está de moda. O compromiso medioambiental, o volver sentir os sabores da terra sen seren deturpados por produtos químicos e tratamentos industriais é un aliciente importantísimo á hora de que o consumidor elixa que produto quere comprar. Neste contexto, a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) vén de lanzar unha guía para que calquer persoa poida seguir as claves de como traballar a agricultura ecolóxica.

O principal, sen dúbida, é excluír o uso de fertilizantes e sulfatos sintéticos. Pero hai máis, como a rotación dos cultivos, a adición de subprodutos agrícolas, esterco, residuos orgánicos da compostaxe ou mesmo rochas e minerais sen transformar.

Na web de Sogama

A guía pódese atopar na páxina web de Sogama, no apartado de publicacións. Nela saberemos como sacarlle o máximo proveito ao solo tendo en conta a luz e a sombra, o deseño e tamaño da finca, o xeito de preparar as sementes, cando e onde colocar os cultivos, as técnicas de fertilización naturais e como aplicar o compós e outros abonos orgánicos.

Todo isto tendo en conta que tamén se poden evitar as pragas sen produtos químicos. Seguindo todas as directrices non só saberán mellor os tomates que se planten, senón que ademais estarase axudando a coidar os recursos naturais.