As laranxas de Ameixenda

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica teñen un sabor infindo, como o Atlántico. Entre doces e amargas, cun aroma que xa un non pode comprar no mercado a ningún prezo. As laranxas de Ameixenda son un pequeno tesouro gastronómico ao alcance só de persoas con sorte e sensibilidade. Son praceres con sabor profundo á Terra, ao que se lle engade unha mestura da salgadura mediterránea e bravura fisterrá. Hai algúns outros pequenos recunchos da Costa da Morte que producen manxares así, lugares que reciben o alento do Atlántico, pero libres das xiadas que fan entalar os osos. Son produtos exclusivos, de valor incalculable que só chegan a mans próximas. Levan o selo de exclusividade absoluta. O ouro das mil cores deste recuncho galaico, pero, como sempre, nunca se lle prestou atención porque non as revestiron cos adobíos axeitados para que lle enchan o ollo á xente. 

   Froito da terra e espazos que a natureza regalou para adornar tanto esquecemento. ¿Cantos anos non lle ocorreu o mesmo á fervenza do Ézaro? O Xallas deixándose escorrer polo granito do Pindo, ese mausoleo pétreo de deuses con lendas de vello. Unha ara xigante para sede de deidades esquecidas na noite dos tempos. Un espazo mítico, lugar de peregrinación ás orixes da estirpe atlántica. Un pedestal para heroes que o tempo deixou esquecer como castigo a tanta fermosura, pero o ollo universal empeza a pousarse neste olimpo nos últimos tempos. Espectáculos como a imaxe épica dos ciclistas subindo pola parede do Ézaro danlle dimensión a un cadro inesquecible. O esforzo sobrehumano para un lugar lendario, unha acción á altura do propio espazo. A tumba do Xallas fixouse na mente de millóns de persoas, o deportista loitando contra historia. Unir ciclismo, Pindo e Ézaro é unha idea de futuro, una fiestra aberta a outra forma de ver a bisbarra. Só con propósitos así se pode variar o rumbo fatídico desta Fisterra. E agora Induráin e Chiapucci viranlle sacar o po á súa gloria neste escenario de granito esculpido a auga e vento.