O plenario da RAG fará de Ponteceso unha gran festa da cultura galega

Á. Palmou

PONTECESO

Luís Giadás, Xosé María Varela, José Luis Fondo e María Luz Imia presentaron onte o programa de actos que serán desenvolvidos no Couto o 7 de febreiro, co gallo do plenario da Real Academia.
Luís Giadás, Xosé María Varela, José Luis Fondo e María Luz Imia presentaron onte o programa de actos que serán desenvolvidos no Couto o 7 de febreiro, co gallo do plenario da Real Academia. FOTOS ANA GARCÍA< / span>

Empezara así a celebración do aniversario do Día das Letras Galegas de Pondal

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de só unha semana para a sesión plenaria que a Real Academia Galega celebrará na sede da Fundación Eduardo Pondal os responsables da institución pontecesá deron a coñecer o programa de actividades desta xornada de gran valor simbólico. «Para nós é un soño que a Real Academia vaia estar entre estas catro paredes», explicou onte Xosé María Varela no salón de actos da vella reitoral de Cospindo, o mesmo escenario onde o próximo sábado se reunirán os académicos mostrando así o seu apoio á conmemoración que durante todo o ano fará a Fundación do 50º. aniversario do Día das Letras Galegas dedicado ao Bardo de Bergantiños e do 180º. aniversario do seu nacemento.

Por problemas de espazo, a asistencia ao plenario estará limitada ás autoridades, a corporación, a algúns especialistas en Pondal como Miguel Mato e Manuel Ferreiro e aos directores dos centros educativos do municipio, pero antes e despois haberá tempo para que sexan moitas máis as persoas que participen nesta celebración.

A lectura da acta de bautismo de Pondal e a interpretación do poema Ponteceso -ao que puxo música Silvia Losada- por parte dun grupo de nenos serán algúns dos actos previos dunha xornada na que Tamara Lema Rodríguez e Esteban Rey Calvo volverán a revivir a Rosalía de Castro e ao propio Pondal para exercer de anfitrións simbólicos. Globos e craveis azuis e brancos e o Himno Galego e o Himno do Antigo Reino de Galicia serán outros elementos simbólicos destes actos, aos que están convidados a participar os directores dos centros educativos do municipio para que a mensaxe chegue así tamén á comunidade escolar.

Desde a Fundación Pondal explicaron onte que xa confirmaron a súa presenza os secretarios xerais de Cultura e Política Territorial e que esperan contar tamén coa presenza do vicepresidente da Xunta -como membro tamén do padroado da entidade- e de representantes da Deputación.

Tanto Xosé María Varela como José Luis Fondo Aguiar -alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal- coincidiron en salientar a boa acollida que tivo por parte da Real Academia Galega xa desde o primeiro momento a proposta da entidade pontecesá para a celebración deste plenario. De feito, o propio presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, desprazouse en novembro pasado xunto co secretario da institución, Henrique Monteagudo, ata Ponteceso para facer o anuncio oficial desta celebración e visitar tamén a casa natal de Pondal.

Varela indicou que a Academia xa ten celebrado plenarios fóra da súa sede da Coruña, «pero nunca nun sitio tan pequeno coma este».

 

 

O primeiro de moitos actos

Ademais, sinalou que esta sesión da RAG é un dos tres actos principais do programa co que a Fundación conmemorará o aniversario do Día as Letras Galegas de Pondal: os outros dous serán a semana das Festiletras e un curso de verán sobre Pondal, que a entidade quere celebrar en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Ademais, xa traballan en outras dúas proposta nos eidos do programa de aldeas sostibles e do traballo con nenos.