As vodas e os seus significados

Ricardo G. Mira PSICÓLOGO SOCIAL

CARBALLO MUNICIPIO

Todo posúe significados específicos, non sempre coñecidos polo gran público

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En todas as culturas, as vodas amósannos unha ampla variedade de expresións que veñen da tradición de costumes do pasado. Todo, dende o vestido, o veo da noiva, as flores, as damas de honra, o anel, as arras, o arroz, posúe significados específicos, non sempre coñecidos polo gran público. Con algunhas adaptacións ou agachando a sustancia orixinal, mantéñense practicamente intactos ao longo do tempo. Vexámolo nun par de exemplos. Cando vemos a un pai acompañar á súa filla para casar, dificilmente se nos ven á mente que non é máis que unha reliquia bárbara do tempo no que as fillas non eran máis que moeda de troco para pagar unha débeda, unha ofrenda de paz a un rival, ou a compra dun acceso a un estrato social máis alto. Ou cando observamos o veo da noiva, dificilmente pensamos que servía para ocultar o seu rostro diante do noivo para que non soubera ata o momento de bicala -demasiado tarde para votarse atrás- como realmente era.

Aínda que inicialmente as vodas eran un asunto exclusivamente familiar ou da comunidade, non foi ata o concilio de Trento en que a Igrexa impuxo a presenza dun crego para levar a cabo o casamento, o que convertía o acto nun evento de carácter máis público ao pasar o lugar de celebración da casa da noiva á Igrexa. Xa ultimamente, outras autoridades non eclesiásticas mantiveron a natureza pública da celebración e con ela a necesidade de expresión dos valores que se producen ritualmente nun casamento.

É precisamente por isto que as familias mellor situadas economicamente sempre quixeron investir en custosas vodas, para amosar así o seu lugar na sociedade, a través das máis luxosas e variadas cerimonias e recepcións que ilustrarían o seu estatus social. Os presentes foron tamén un xeito de establecer o nivel social dos invitados, baseado na súa suntuosidade. Pero o que serviu para as familias máis ricas, tamén acabou resultando bo para todos os demais, polo que o costume de que unha voda non careza de nada se foi apoderando das clases máis -pero tamén das menos- podentes, ás veces incluso a costa de vender parte do patrimonio familiar. Unha voda iguala así a todos nun momento, nun soño que non sempre se converte en realidade.