«Atoparase todo canto un poida necesitar»

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Maricarmen Freire incide en que os profesionais ofrecerán asesoramento 

31 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O día de onte foi un día de preparación e de ultimar detalles para que na xornada de hoxe estea todo listo para gozar deste terceiro salón de vodas, comuñóns e celebracións que é Expo Voda. Dende a organización, a xerente do CCA, Maricarmen Freire, falou onte en Radio Voz Bergantiños.

-Veremos aquí diferentes formas de celebrar unha voda. Din que é algo que non se esquece na vida.

-Antes dicían que era unha vez na vida. Sexa unha ou sexan varias, unha voda é algo que se mima e que se pode mimar. Pero en Expo Voda non só teremos oferta para ese tipo de cerimonia, civís ou relixiosas, tamén para despedidas de solteiro, comuñóns... situacións variadísimas e que se consideran especiais. No Fórum de Carballo teremos concentrados diferentes sectores de profesionais que non só nos ofrecen tendencias, senón tamén apoio e asesoramento. De aí que teña moito interese ver todo isto nun espazo cómodo e dunhas dimensións razonables. Alí estará todo o que poidamos necesitar e incluso cousas nas que igual non pensaramos, pero que nos veñen ben.

-Os gustos son moi diversos.

-Din que cada persoa é un mundo e o certo é que, para unha cerimonia así, cada un precisa que a súa personalidade se reflicta na roupa que leva e en todo o conxunto da celebración. Todo evoluciona e en Expo Voda poderá verse algo de todo. Penso que é unha oferta moi interesante para unha fin de semana de inverno.

-Precísase moita planificación.

-Cada vez se organizan estas celebracións con maior antelación. Para cuestións de restauración, incluso con vistas ao próximo ano.