«O obxectivo fundamental é loitar polo título nacional neste ano»

José Manuel Ferreiro Negreira
José M. Ferreiro CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Considera imprescindible a aportación do seu mecánico Fran Placer

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:46 h.

MAIKEL VILARIÑO VILAS CAMPión GALEGO e subcampión de España en kartcrós Maikel Vilariño Vilas (Carballo, 1991) vén de conquistar o seu segundo título autonómico de kartcrós (2014 e 2013). Agora, márcase loitar no 2015 polo título nacional, xa que nos dous últimos anos foi subcampión. -Parece que xa ten a meta clara para o novo campionato. -O obxectivo fundamental é loitar polo título nacional neste ano, despois de que no 2014 voou por tan só un punto. -¿A planificación será a mesma das dúas últimas tempadas? -Está claro. Imos correr no campionato galego, pero sempre que non coincida con unha das sete citas do nacional. É o prioritario e nel imos centrarnos. -¿Poderá ter o coche a punto ou xogaralle unha mala pasada como no ano pasado? -Creo e confío que Fran Placer vai ter todo baixo control. O coche deunos problemas na proba de Arteixo e non rematamos cando eramos os máis rápidos. Alí confiei no apoio catalán de anteriores anos e fallou. A partir dese momento o equipo puxo o coche a punto. Fomos a Miranda del Ebro, na última proba, e gañamos. -¿Fran Placer é determinante? -Está claro que si. Non só ten o coche sempre a punto, senón que sabe controlar os puntos que me fan falla. Antes de chegar a boxes sabe que reglaxes hai que cambiar ao coche para que renda máis en función do circuíto no que esteamos. É o pulmón do equipo e con el síntome coma un irmán desde que comezamos a traballar xuntos. -¿O abandono de Arteixo marcou moito o ano pasado? -Despois do revés en Arteixo, cun punto máis seríamos campións. En Miranda volvemos a ter a oportunidade. Cando ía primeiro na semifinal un rival sacoume da pista e non puiden recuperar a praza e acabei segundo. Despois na final gañei ben. Se fose primeiro na miña semifinal tería dous puntos máis e con iso sería campión. -¿Esta tempada será igual de complicada que as anteriores? -Polo de pronto de seis carreiras pasa a sete. Os dez primeiros do ano pasado volverán a ser rivais directos. Pero tamén hai que pensar en algún novo. -¿Cando comeza? -O inicio será en Alcañiz en maio. Despois virán Mollerusa, Lleida, Carballo, Arteixo, Miranda e Portugal. Esta última, se finalmente se celebra, sería a gran novidade. -¿Sorpresas no calendario? -Non. Son os circuítos de sempre, que todos coñecemos. Os que volverán a marcar diferenzas son os de Carballo e Arteixo. -¿Por que? -Se houbera que dar unha puntuación do un ao dez, todos estarían nun un, excepto Carballo e Arteixo, que levarían un dez. Non se pode comparar correr aquí coas probas de fóra. O ambiente en Galicia é extraordinario, polo número de afeccionados e polo interese que todos demostran en cada una das carreira que teñen lugar aquí.