«Plácido Castro é exemplarizante en moitos aspectos»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

África López.
África López.

Muxía acolle hoxe a conferencia anual dedicada ao pensador corcubionés

23 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A conferencia anual sobre Plácido Castro que organiza a fundación creada para recuperar a figura do xornalista, escritor, tradutor e político nado en Corcubión 1902, alcanza hoxe a súa décimo sexta edición e faino visitando a localidade onde Castro se instalou no ano 1936 e da que foi desterrado polos gañadores da Guerra Civil. A doutora en Filosofía e profesora África López Souto, especialista no pensamento de Michel Foucault, e autora tamén de obras sobre Simone Beauvoir e Concepción Arenal, será a encargada nesta ocasión de achegarse á súa figura recuperando a súa faceta humanista. A sesión terá lugar no Salón de Actos do Voluntariado (ás 20 horas) coa participación tamén de Félix Porto, alcalde muxián, e de Susi Castro, presidenta da Fundación Plácido Castro.

-¿Como xurdiu a colaboración para pronunciar esta conferencia?

-Pois supoño que foi algo casual como ocorre moitas veces con estas cousas. Eu formo parte desde hai tres anos do Consello da Cultura Galega, da sección de Pensamento, e creo que foi esa relación pola que Xulio Ríos se puxo en contacto con nós.

-¿Que vai abordar na súa intervención?

-As conferencias que se dan neste marco buscan algunha temática que ten relación con Plácido Castro e desenvólvena para ver as conexións. Neste caso, el foi etiquetado ou cualificado moitas veces como humanista liberal polo seu talante, e o que vou facer é analizar o significado do humanismo, ver en que consistiron historicamente os humanismos e sobre que conceptos xiraron e ver como iso se pode trasladar ou atopar en Plácido Castro.

-¿Que pode aportar hoxe en día a figura de Plácido Castro?

-Como outras figuras da época de República é unha figura que pode ser exemplarizante en moitos aspectos e que pode estar de actualidade porque temos moito que aprender dela.

-¿Que lle ocupa máis tempo, a docencia ou a investigación?

-Fago un pouco de todo. Nese sentido reivindícome un pouco renacentista porque os meus intereses van dun lado para outro. Eu son profesora de Filosofía e todo o que ten que ver co pensamento interésame. Sempre estiven bastante interesada no relativo ao tema das mulleres e tamén me gustou sempre moito a filosofía actual, contemporánea, de feito a miña tese doutoral é sobre Michel Foucault, un filósofo que morreu en 1984, pero tamén escribín sobre Concepción Arenal.

-¿Como se vive en primeira persoa esta época na que a filosofía semella estar moi castigada?

-Si, é certo que estamos moi castigados e os tempos que veñen por diante non se presentan moi prometedores. De feito creo que o pensamento de Plácido Castro tamén nos pode axudar a reflexionar sobre isto e sobre a idea do humanismo, o interese polo que podemos aportar, por todo o que ten que ver coa curiosidade, coa búsqueda e coa crítica. Eu entendo a filosofía no sentido de que todos somos filósofos, todos temos intereses e preocupacións que nos fan propiamente humanos. As preguntas, a busca, a inquietude e o desasosego é algo inherente a nós, entón ao quitar a filosofía, ao non deixarnos lugar para reflexionar, para criticar, innovar e progresar, estannos cercenando e limitando no que temos máis propio de humanos. A curiosidade, a inquietude por ir dun lado para outro, por descubrir novas cousas é algo que está presente en Plácido, que tamén sufriu, como moitos outros galegos, a censura e a represión.