Vinte anos de instituto en Baio

CARBALLO

Soterramento da caixa con pensamentos sobre o galego que se rescatará en 20 anos.
Soterramento da caixa con pensamentos sobre o galego que se rescatará en 20 anos. FOTOS< / span> J. manuel casal< / span>

O Maximino Romero comezou onte un «ambicioso» 2015 de aniversario

20 ene 2015 . Actualizado a las 05:07 h.

Aló polo 2035, dentro de vinte anos, os que nese momento sexan alumnos do instituto Maximino Romero de Lema de Baio terán unha cita debaixo dun carballo do xardín do centro. Alí terán que remexer na terra para atopar unha caixa hermética con mensaxes que onte, a iso das dúas da tarde, soterraron os que agora son estudantes nestas aulas, e que conmemoraban así o vinte aniversario do comezo de funcionamento do instituto baiés, inaugurado o 10 de xaneiro do 1995. Son pensamentos escritos con desexos de vida e de longo futuro para a lingua galega.

Antes de ser introducidos na caixa e cubertos de terra, con acompañamento de música tradicional a cargo de Adro, foron lidos polo profesor e escritor Sechu Sende, que optou por un texto de Labarta Pose; polo director do centro, Manuel Maseda, que leu unhas palabras pedidas a Guadi Galego; así como por alumnos e mestres, que artellaron as súas propias verbas de SOS lingüístico dende o presente ata o futuro: Clara Fernández, Ana Justo, Carlos Fernández (texto de María Eiroa), Natalia Río (liñas de Noemí Allo) e Uxía Pastoriza. Foi unha cerimonia futurista na que tamén Adrián Torrado contou como entrou feito un neno no centro e saíu «feito un home».

Contedor cultural

Así, o instituto baiés arrincou onte, cunha serie de actividades entre as que se atopaba este soterramento, un ano «ambicioso» que pretende converter ao centro nun contedor cultural, capaz de implicar a toda a comunidade da man da comisión cultural organizadora, incluíndo mestres, alumnos, pais... Trata de ser unha homenaxe a todos os profesionais e xeracións de mozos que pasaron por el, estendendo as actividades a toda a anualidade. Se hai algo que marca a vida dun pobo son os centros de formación. Por iso, explicou Maseda, director dende hai tres anos, queren ir máis alá dun día e das xa consolidadas Semanas Culturais, que xusto neste 2015 acadan dez anos.

Parece complicado saber como estará o galego en vinte anos, pero antes do soterramento Sechu Sende deulles aos rapaces unha serie de claves, logo de contarlles como se iniciou el na nosa lingua logo dunha sesión de «espiritismo» con Castelao promovida por unha profesora súa cando el tiña 12 anos. Onte non houbo hipnose, pero si unha guía sexual da sociolingüística que arrincou risas dos rapaces e na que os animaba a «gozar coa lingua». Iso, así como unha demostración do ben que le o seu «terceiro ollo», «habilidades aprendidas no Tíbet», fíxoo nun salón ateigado. Ao lado da porta, unha mensaxe de Castelao: a lingua como matriz inesgotable de obras de arte. «Diante do SOS lingüístico só estamos nós mesmos», dixo Sende.

A xornada de onte, logo da comida de confraternidade, rematou con Isabel Risco e con Uxía e Narf. Foi un punto de arranque deste 2015 no Maximino Romero, un centro do que o propio arcebispo que lle dá nome dixera -así o recollía La Voz na súa crónica o día 11 de xaneiro do 1995- que era o cumprimento dunha idea que viña perseguindo dende setenta anos antes. O daquela rexedor zasense, Ernesto Rieiro, destacara o significado dun instituto que permitiría a moitos rapaces seguir cos estudos preto da casa, evitando custosos desprazamentos para as economías agrarias da zona. Aquel 10 de xaneiro estiveron alí alcaldes de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do entón presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, e dous conselleiros.