Verea de auga e terra para andar

xosé luis OTERO cebral

A CORUÑA CIUDAD

Xosé Luís Otero Cebral.
Xosé Luís Otero Cebral. José Manuel Casal

«Os camiños de vello levan consigo a pervivencia das culturas»

18 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vellas lembranzas de case unha trintena de anos deixan na imaxinación dos que me coñeceron e coñecín aqueles recordos de país de auga e terra de boandanzas para non deixar perder xamais. Un mundo que para min tiña entón outro significado ao abeiro do seu mar, da súa xente, da súa loita e do seu prosperar. Persoas que querían o que tiñan entre mans, grandes loitadores dos regos e das labouras que había que pasar. Nenos aínda nacendo entre os berros da terra que había que traballar. Mozos que espertaban á vida nos estudos, nos labores do agro, no seu quefacer cronolóxico e na súa máis entrañable identidade.

Así foi como me integrei e vin aos habitantes de Cee, de Dumbría e aos seus rapaces con ganas de saber e trunfar co éxito do que loita para abrirse un rego deses que sempre teñen semente xermolante e dan sempre mantenza ao seu amo. Alí, nun centro de Primaria ao abeiro do EXB, foi como levei a cabo o meu labor de docente de galego entre uns rapaces e rapazas que día a día me ían ensinando como era o seu lugar, a xente que os abeiraba e como tería que ser a miña permanencia entre eles abríndome ás súas necesidades, á súa problemática e ás súas ilusións.

Dumbría converteuse na primeira lembranza ocupacional no eido da ensinanza que me tocou levar a cabo na Costa da Morte e os seus terruños periféricos. Foron momentos extraordinarios para aprender a aprender aos demais e tamén un mesmo das necesidades, do afastamento das grandes urbes, dos luxos que aínda non había na sociedade como o eran a carencia de móbiles, ordenadores e centros para o desenvolvemento cultural dos que ninguén falaba por entón.

Unha vida exemplar, sinxela, na solaina dunha cafetería, nunha terraza que non estivera ocupada, nun percorrido para ver e coñecer o descoñecido formado por esas impoñentes e misteriosas edificacións sobre das rochas que miran ao mar coma: cabo Touriñán, cabo Vilán, cabo Fisterra e lugares coma Camariñas, Muxía, O Ézaro e dende alí dexergar as naturezas vivas e maxestuosas coma a da Illa Lobeira co seu relampo de fareiro de luz, ou o chispeante e lucernario bruído das augas caídas da Fervenza do Ézaro sobre a mesma boqueira do mar.

Amigos, compañeiros...

Compartir intres cos amigos, cos compañeiros de profesión dun centro e doutro que se daban xuntanza na vila de Cee e nos seus lugares de ocio por aquel entón. Idas e vidas cara o lugar de Dumbría unha mañá tras doutra durante unha anada escolar que durou o que tiña que durar pero que, por estar lonxe da casa, parecía aínda máis longa do normal. As fins de semana os coches tomaban forza e ruxían os motores de cada docente que unha vez máis retomabamos o retorno para as nosas moradas de orixe. As estradas reventábannos os coches que batían con forza sobre os sucos dun acceso todo erguido polas máquinas que as andaban a mellorar, atrás de nós unha poeirada que afastaba repentinamente aos que nos seguían e para todo ilo sempre tiñamos que cerrar as ventás e en moitos casos todo conduto de ventisca que tivera o habitáculo.

No colexio celebrabámolo todo, non había tradición que se nos esquecera e o renacer cultural volvía aos seus folgos de cando aínda os nosos avós brincaban polas fragas e ían cos seus aos muíños, ou levaban o gando aos pradairos. A ferramenta cultural desa terra estaba así en marcha e indo dun lugar a outro de todo o concello fomos vendo os seus templos, as súas prazas, os muíños, as pontes e esa arquitectura tan propia como os valados, os empedrados, as fontenlas naturais cos seus enrochedados e os enormes afumegares das cambotas empedradas dos lares veciñais.

O curioso desta anécdota leva consigo que deixei por un tempo unha morada que é Rota a Compostela como o é Palas de Rei no Vieiro Francés para me instalar noutra verea a terra do apóstolo como o é O vieiro de Compostela a Fisterra. Dous conceptos unidos por un mesmo fin a busca do que non ten fin aínda que se denomine Fisterra. Os camiños de vello levan consigo a pervivencia das culturas e das xeracións quo se asentaron sobre un lugar e por iso neste caso Dumbría e Palas son vilas vivas nas lembranzas dos camiñantes, dos que temos que ir dunha verea a outra ben por oficio ou pola procura do descoñecido.

«En Dumbría houbo momentos extraordinarios»

Xosé Luís Otero Cebral (Toques, 1957) é mestre. Autor de varios libros de poesía e sobre a etnografía galega e da bisbarra, dá clase na Coruña. Durante dez anos estivo en varios colexios da Costa da Morte.