A Universidade de Santiago rende homenaxe a Isidro Parga Pondal

La Voz Á. P. CARBALLO / LA VOZ

CIENCIA

Álvaro Ballesteros

O Día da Galeguidade Empresarial está dedicado ao científico laxense

14 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa expulsión, en represalia polas súas ideas galeguistas e progresistas, cortou en 1936 a traxectoria na Universidade de Santiago de Isidro Parga Pondal (Laxe, 1900), pero non apagou as súas ansias de coñecemento nin a súa capacidade para poñelas ao servizo de proxectos de investigación e empresariais comprometidos co país.

Case 80 anos despois daquel escuro episodio, a USC acaba de tributarlle un acto de desagravio -que se suma ao desenvolvido xa a comezos dos anos 80, cando o nomeou doutor honoris causa- sumándose á homenaxe promovida polo Foro E. Peinador, que lle dedicou este ano o Día da Galeguidade Empresarial.

Onte, a modo de aperitivo da xornada central de mañá -á que se sumarán tamén as outras dúas universidades galegas-, o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez, e o historiador Juan Gurriarán, presentaron o libro que este último preparou sobre o xeólogo laxense co elocuente título Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal.

A empresa Kaolines de Laxe S.A. foi o seu seguinte destino tras ser expulsado da universidade compostelá e desde a súa vila natal fundou tamén o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, institución na que traballou ata o seu retiro, no ano 1969, e que con posterioridade cedeu a Isaac Díaz Pardo, que a trasladou ao Castro de Sada, onde foi reestruturada e reforzada para proseguir coas súas actividades ata hoxe en día.

A Medalla Castelao e os seus ingresos nas academia de Ciencias de Galicia, de Doutores de Madrid, de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais ou na de Doutores de España son algúns dos recoñecementos que Parga Pondal foi sumando ata o seu falecemento no ano 1986.