Que a terra che sexa leve, vello amigo

Miro Villar

SANTIAGO CIUDAD

10 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Éme difícil rescatar da memoria o momento exacto no que coñecín persoalmente a Baldomero Cores Trasmonte, mais desde logo tivo que ver co feito de ser tamén natural de Cee, do que fora nomeado Cronista Oficial e coordinara a Historia de Cee, vila onde adoitaba botar algúns días do verán, nomeadamente nas datas próximas á festividade da patroa, a Virxe da Xunqueira, e moitas veces cadramos nalgún dos actos da Semana Cultural que durante anos precedía aos días de xoldra.

Tempo despois, agás neste últimos anos que xa non saía da súa casa familiar, podía atoparme con Baldomero Cores nalgún dos seus paseos pola cidade vella compostelá e cando se producía o encontro, aínda que un tivese moita présa, había que deterse un bo anaco porque de natural era un infatigable conversador. Tamén coincidimos moito na libraría Couceiro e moito máis aínda na Hemeroteca da Biblioteca Xeral da USC, onde procuraba información para os seus artigos e eu desenvolvía o meu labor de investigador, primeiro para a Tese de Licenciatura e logo para a Tese de Doutoramento, e sempre tivo a ben agasallarme coa xenerosidade do seu coñecemento, pois aínda que a Galipedia o presenta como avogado, xornalista, sociólogo e escritor galego, tiña o compendio do saber propio dos homes da súa xeración, unha sabedoría enciclopédica, moita erudición e sen tanta partilla especializada como temos na actualidade, como tamén testemuña unha das últimas entrevistas a Baldomero Cores, realizada por Iván García Riobó no dixital da USC.

A súa desinteresada e xenerosa colaboración cos meus labores de investigación principiou cando publiquei a Antoloxía Poética de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 1995). Un día que nos atopamos faloume do seu coñecemento persoal do poeta muxián e de como publicara un artigo sobre a súa obra en La Noche. Confeseille que non coñecía o seu texto e prometeume rebuscar entre a súa documentación persoal para o localizar. Así foi, o seu ofrecemento non caeu no saco roto do esquecemento e algún tempo despois recibín unha carta coa fotocopia do artigo La poesía y el mar (29/09/1963), que incorporei a posteriores traballos.

En 1997 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Naquela altura traballaba nas fichas do volume II. Publicacións periódicas (1997) e, a través do antropólogo muxián Manuel Vilar, co que tiña moito amizade, fíxome chegar copia dos exemplares que publicou a revista Nemancos en 1953, que promoveu e dirixiu.

Sit tibi terra levis, Que a Terra che sexa leve, vello amigo Baldomero Cores Trasmonte, desde o agradecemento e a memoria.