Os éxitos encadéanse no terceiro decenio de vida da agrupación

ricardo vigueret gil

CARBALLO

Los actores de la obra  Bancagare .
Los actores de la obra Bancagare . ANA GARCIA

A compañía conta estrear a súa nova obra, «Frankenstein», para o entroido

10 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Para rematar xa coa nosa historia de Badius imos co percorrido polo último decenio. No ano 2005 segue a representar Tócama, Sam por diversas localidades da provincia, coma sempre en convenio coa Deputación e a Xunta. No 2006, e despois dunha forte renovación, comeza a preparar unha nova comedia, baseada nun clásico do cine dos anos 40: Arsénico por compasión e que o grupo titula Veleno por caridade, dándolle un aire máis moderno. Esta obra, que se estrea no verán, ten moi boa acollida e grazas ao convenio coa Deputación e a outras chamadas, fanse en só tres meses catorce representacións. En colaboración co IES Maximino Romero de Baio créase unha sección xuvenil coa que se fan varias representacións e se acode ao certame de Teatro Intercentros de A Coruña, acadando un primeiro premio de interpretación feminina (Rebeca Facal Fuentes). No mes de decembro a asociación Badius intégrase na FABA (Federación de Asociacións de Baio) para organizar o Nadal Cultural na vila.

No ano 2007 séguese coa obra Veleno por caridade, da que se grava un vídeo, e a agrupación participa en varias mostras de teatro coma as de Vedra, Bertamiráns e Salceda de Caselas (Pontevedra), nesta última froito do recente ingreso de Badius na Fegatea (Federación Galega de Teatro Afeccionado). Novamente en decembro, organiza coa FABA o segundo Nadal Cultural.

No 2008 hai unha nova renovación do grupo ao producirse varias baixas polos estudos ou o traballo dalgúns membros. As baixas son cubertas na súa totalidade por actrices e actores procedentes da sección xuvenil. Comézase a preparación dunha nova obra: Bancagare. Sucursal n.º 13, cuxo guión está baseado no clásico do cine español dos 60 Atraco ás tres, xunto con achegas de membros do propio grupo. O resultado é unha comedia sobre o mundo da banca que é estreada en Ferrol o 19 de outubro con grande éxito e que se segue a representar por diversos escenarios (O Ézaro-Dumbría, Padrón, Luou-Teo, Rois, Lousame...). Badius participa tamén no terceiro Nadal Cultural da FABA.

Premios

As representacións de Bancagare proseguen no 2009. É estreada en Baio e levada aos escenarios de Rianxo, As Pontes, O Couto, Sada, A Laracha e Mazaricos, entre outros lugares. Tamén participa no concurso de grupos afeccionados organizado polo colexio Calvo Sotelo de A Coruña, que patrocina a Deputación. Nel, o actor Marco Álvarez consegue o primeiro premio de interpretación masculina. A finais de ano comézanse a organizar os actos do 25.º aniversario do grupo, que teñen lugar durante tres domingos de decembro e xaneiro no marco dun novo Nadal Cultural. No primeiro actúan os grupos do Banco de Tempo do Concello de Zas e o Grupo Trécola de Santa Comba. No segundo, os actos propiamente ditos de aniversario (un percorrido audiovisual pola historia do grupo, sketchs cómicos, presentación dun vídeo e unha canción e entrega de diplomas conmemorativos). E no terceiro, a reestrea de Xoo... ante o perigo.

No 2010 séguense a representar as obras Bancagare e Xoo... ante o perigo. Con esta particípase nos concursos de teatro de Sada (logrando o primeiro premio de Interpretación Masculina: Xurxo Sánchez) e no 13.º Certame de Teatro Intercentros de A Coruña. Tamén participa nas Letras Galegas do Couto, no día dedicado á vila de Baio e actúa en Ons-Brión (para a Fegatea), Padrón, Ferrol (Domingos a Escena), Zas... e coma sempre, no Nadal Cultural da FABA, que ese ano alcanza xa a súa quinta edición. Neste caso Badius colabora organizando un Festival do Humor no que se representan diversos sketchs cómicos: dende algún sobre as orixes de Badius, pasando por Les Luthiers ou Tricicle, unhas propostas que sen dúbida sorprenderon ao público.

O 2011 comeza co Festival do Humor e séguense a representar Bancagare e Xoo... ante o perigo, coas que un ano máis participa no convenio da Deputación. Estas obras represéntanse en Dumbría, Rois, Agualada, A Coruña, Santiago e Cee. Tamén acode a Vimianzo. E en decembro toma parte no sexto Nadal Cultural da FABA.

O 2012 empeza coa representación de Bancagare no Festival Teatral do Nadal. Logo, a compañía comeza a preparar Facer o sueco, baseada nun texto do catalán Luís Coquard, coa que participa no convenio da Deputación. Trala preestrea do mes de setembro en Baio visita Ons, Lañas e Vimianzo. Outras actuacións son en O Couto e Zas e en decembro forma parte dos actos dun novo Nadal Cultural da FABA

As representación de Facer o sueco seguen no 2013 e a compañía prepara o sainete descuberto de Labarta Pose, Unha boa misa, que se estrea nas Letras Galegas en Baio. En maio acode ao concurso Calvo Sotelo, no que acada o primeiro premio de interpretación masculina (Marco Álvarez) e tamén actúa en Laxe, Padrón e Malpica. Xa no Nadal, e de novo coa FABA, a compañía anuncia a estrea da versión 3D de Facer o sueco con motivo do Día dos Santos Inocentes e bromea co público repartíndolle unhas gafas para ver o suposto efecto.

Ano sabático e nova obra

E chegamos así ao ano 2014, no que o grupo toma un ano sabático en canto a actuacións para preparar un novo espectáculo co que intentar sorprender despois destes 30 anos de existencia. O guión baséase no filme de Mel Brooks O xovencito Frankenstein, pero co toque persoal e Badius e retomando o título orixinal do libro de Mary Shelley, Frankenstein, cuxo estreo, está programado dentro dos actos do seu trixésimo aniversario, realizados polas Escolas Municipais de Teatro Infantil e de Adultos do Concello de Zas coa colaboración das seccións de baile, gaita e pandeireta de Adro e no marco do Nadal Cultural da FABA. Pero a repentina enfermidade dunha das actrices obriga a aprazar a súa estrea, que, probablemente, se realizará durante o próximo entroido para marcar así un novo fito na súa traxectoria.

historia de badius (iii): 2005-2014