Os vedraños de San Cibrán de Vilastose

XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ

CARBALLO

Na novela «Costa do Solpor» hai unha explicación da lonxevidade da parroquia

31 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Reflexionaba Santi Garrido no seu recente artigo Centenarios (27 de decembro) sobre a cantidade de xente lonxeva existente na Costa da Morte. Uns días antes publicaba unha entrevista con Avelina Mouzo Leis, veciña da Ponte do Porto, que, con 110 anos vividos, é a persoa de maior idade de Galicia e das que máis de España. ¿Que terá a comarca fisterrá para facer prolongar a vida?

No artigo, Garrido volvía sobre a lonxevidade dos veciños de Vilastose (Muxía), suliñando que sempre lle chamara a atención o caso desta freguesía na que «os máis novos teñen noventa anos, [e] de cen e cento e pico hai uns cantos»; buscaba de maneira retórica unha explicación sobre o que tivo que pasar por alí para tal alongamento da vida: «¿O vento do mar de lonxe, mesturado coas follas de carballo, o alento dos pais e dos avós, o granito das pedras da casa, o gran do millo verde?».

É polo menos a terceira vez que Santi Garrido lle dedica un artigo ós vedraños de Vilastose. Sei de boa tinta que o autor da novela Costa do Solpor (recente Premio da Crítica 2014) gardou durante anos o primeiro e o segundo (Vilastose, donde la vida es muy larga e Os anos seguen pasando amodo en Vilastose, publicados en La Voz de Galicia o 29-10-2006 e o 29-10-2008, respectivamente) porque algo lle dicía que lle ían ser de utilidade; tanto foi así que o último reproduciuno en boa parte nas Notas históricas da parte final da citada novela.

É que aquelas reportaxes tiñan moito de novelables e, xunto cunha lenda irlandesa da Illa de Aran, inspiraron unha pasaxe do capítulo 61 da novela (o titulado Xaxún contra Deus), onde se pode atopar outra das explicacións da lonxevidade dos veciños de San Cibrán de Vilastose.

Un dos personaxes da trama, o Crego Sabio, párroco desta freguesía, inquedo pola constante inxustiza que sufrían os seus fregueses, decidira recluírse nunha ermida solitaria e xaxuar ata que Deus o atendese. Deu remate ó seu xaxún-protesta ós corenta días dicindo que o Ser Supremo entendera o seu sacrificio e o compensara cunha promesa: «Que os habitantes de San Cibrán [de Vilastose] se verían distinguidos entre os da Costa do Solpor porque terían máis anos de vida cós de calquera outra comunidade da comarca, e que iso se empezaría a notar na xeración que nacese a partir de que el abandonase o xaxún. Ían correr a partir de entón uns aires tan saudables na súa freguesía, o tempo ía transcorrer tan amodo, que habería ser coñecida co tempo como a parroquia dos vedraños». A novela está ambientada no século XVIII; sería interesante investigar nos libros de defuntos parroquiais a idade media de defunción dos seus veciños desde aquela ós nosos días...

Velaquí outra explicación da lonxevidade dos de Vilastose e a súa redonda. Non cabe dúbida de que hai profecías que se acaban cumprindo. Coma nas lendas de mar que me contou unha lectora de Camelle, unha vez máis na Costa da Morte a realidade acaba superando á ficción.

LENDAS E certezas

«Unha vez máis na Costa da Morte, a realidade supera á ficción»