Centenarios

CARBALLO

27 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Éo que mellor se nos dá facer: centenarios. Agora está Avelina da Ponte cos 110, como antes estivo María de Fisterra cos mesmos anos. Avelina apunta a récord. Si, certo, non se pode dicir nunca nada a estas alturas porque a vida é como é, pero a súa mirada e o seu sorriso, sobre todo cando está rodeada dos bisnetos, indican que a cousa vai para largo. Ben: debería. Sería xusto. Aínda que só fose por boa persoa, xa o merece.

Ademais da bondade, algo hai por estas terras que nos fai máis vellos. En todos os sentidos: onte mesmo soubemos que temos 700 pensionistas máis. Xa superan o 25 % da poboación. As proxeccións do vindeiro decenio van nesa liña. Moitas pensións a pagar, merecidas. Milleiros de lembranzas que contar. E coidados que se precisan. Non todo é romántico: enfermidades, soidades, dores, ansias. Con iso coexistimos.

Pois esta é a sociedade que temos na volta. Tan nosa como a da emigración. Duras as dúas. O emigrante non nace, faise. E o centenario, volvemos ao de antes, si se fai. Din as estatísticas que o que dura nace e morre no inverno. Xa é un sinal. Afeitos a sufrir, quedan vacinados. O do territorio non é un conto. Sempre me chamou a atención o caso de Vilastose, cun cemiterio pequeno, debaixo dun campanario exento, no que os máis novos teñen noventa anos, de cen e cento e pico hai uns cantos. Algo tivo que pasar por alí. O vento do mar de lonxe, mesturado coas follas de carballo, o alento dos pais e avós, o granito das pedras da casa, o gran do millo verde. A raza forte, que dicía meu avó. Se cadra para chegar aos 100, a ver se funcionaba. Pero non.