Unha laranxa

CARBALLO

22 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Contaba o outro día o alcalde de Carballo que el quedara impactado cando, sendo mestre en Coristanco, preguntáralle a unha nena á volta das vacacións que lle trouxeran os Reis. Ela respondeu que só unha laranxa.

Son esas cousas que che revolven algo por dentro. Mesmo ao escoitalas agora, despois de tantos anos. Ou non tantos: a laranxa parece algo totémico, obxecto de desexo, inalcanzable durante tantos anos para moreas de familias. Moitos lembramos cando de pequenos nos explicaban que, sendo eles cativos, se os pais traían unha laranxa da feira, os rapaces gozaban do premio toda a tarde. E falamos dunha froita para varios irmáns.

A algúns que tiveron máis sorte na vida seguramente isto lle soe a ciencia ficción, a conto lonxano. Se cadra aos mesmos que cren que na actualidade estas cousas non son posibles. Que xa non ocorren. Oxalá tivesen razón, pero os máis de 200 nenos aos que a Cruz Vermella de Carballo lles leva xoguetes (poño este exemplo sabendo que hai máis entidades na bisbarra que fan o mesmo loable traballo solidario), ou todas as entregas que realiza Cáritas, fanme pensar que igual non a teñen. Familias que cando escoitan na tele que a crise xa vai a menos si que pensan que é unha ficción fronte á súa realidade. Xa cada un ten o que ten, pero os nenos non deberían pagalo nunca. A dignidade e o dereito a ser felices as máximas horas teñen que ter máis forza que todas as leis económicas. Hoxe é o último día para levar xoguetes á sé da Cruz Vermella de Carballo. Que non haxa máis laranxas.