A miña nai, Carmen Romay

José M. Romay

CARBALLO

21 dic 2014 . Actualizado a las 13:18 h.

Acabamos de coñecer a través da Voz de Galicia (12 de decembro) que, segundo o auto da Audiencia Provincial da Coruña, quedou desestimado o recurso de apelación, e absólvese, por falta de probas, a que fora en principio imputado pola túa morte. Pois ben, debes estar segura que os teus fillos xa esperabamos esta resolución e temos que aceptala, pero non a compartimos. A Xustiza segue a ser a mesma desde que ti nos deixaches, aquel fatídico mércores Santo do ano 2012.

Ti no es a nai de ningún presidente, tiveches a mala sorte de ser unha insignificante velliña de 87 anos residente nunha pequena aldea bergantiñá.

A xustiza igual para todos é, polo momento, só ideal. Ti xa mo dicías moitas veces.

Saberás tamén que a esperanza aínda non a perdemos de todo porque, segundo a resolución, «de conocerse posteriormente nuevos hechos o datos relevantes jurídicamente, pueda interesarse la apertura de nuevas actuaciones». Oxalá os teus veciños de toda a vida poidan aportar algún día novos datos relevantes xuridicamente, se aparecesen, para saber definitivamente que máquina traidora acabou coa túa vida e que mans covardes te esconderon e abandonaron naquela hora pequena que ti ben coñecías.

Finalmente, ten a completa seguridade de que os teus fillos, José, Maruja e Ana nunca te esquecerán.