«Para nós é unha honra estar rodeados de novos escritores»

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Ana Garcia

Dombate acolle hoxe a entrega dos premios do certame de Contos de Nadal, que patrocina a empresa enerxética

20 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, o certame de Contos de Nadal que organiza La Voz de Galicia está patrocinado pola empresa de enerxía EDP Renovables. O seu delegado en Galicia, José Toja Parajó (Santa Comba, 1953), volverá a estar presente no acto de entrega de premios, que terá lugar esta mañá no recinto arqueolóxico de Dombate, en Cabana?

-¿Que fai unha empresa de enerxía patrocinando un certame literario?

-Nós somos unha empresa que estamos moi comprometidos coa sociedade e coa cultura. Fai dúas semanas tivemos unha xuntanza en Madrid e ademais das reunións e outros actos, unha mañá dedicámola a montar mobles de Ikea para centros de maiores e de acollida. E tamén damos becas para que a xente poida estudar, como é o caso dunha rapaza de Zas que a recibiu o ano pasado. EDP Renovables está moi comprometida con Galicia porque está instalada aquí desde hai xa moitos anos e aparte de xerar emprego ten un compromiso especial con iniciativas como este certame de Contos de Nadal. Para nós é unha honra estar rodeada de nenos e de novos escritores nunhas datas tan sinaladas como estas do Nadal.

-¿Que lugar ocupa a Costa da Morte na estratexia da empresa?

-Ten moita importancia xa e vai ter aínda máis no futuro porque temos grandes proxectos para a Costa da Morte [Muxía e Fontesilva]. Temos dous parques sen facer, pero están previstos para o futuro porque esta comarca en particular e Galicia en xeral están moi presentes na empresa: o 10 % da empresa en España está nesta comunidade e temos arredor de 213 megavatios xa en produción en Galicia. Non só creamos postos de traballo, senón que xeramos riqueza a través doutros sectores.

-¿Como afectou o cambio das primas eléctricas ao sector?

-Iso é algo que non está aínda solucionado; de feito, a nosa empresa está perdendo arredor de 30 millóns de euros en canto á produción e iso repercute nos propietarios, nos concellos e na propia dinámica da empresa de seguir construíndo parques. Agora mesmo, en España a moi curto prazo non ten previsto construír nada, pero a longo prazo si se farán os previstos na comarca porque son dous parques moi bos e hai feita xa moita inversión.

-¿Fáiselle moi raro cambiar as súas ocupacións empresariais habituais por un acto como e de hoxe, rodeado de nenos?

-Non se me fai raro; faime moita ilusión porque eu, que estiven 16 anos de alcalde [en Santa Comba] sempre estiven moi metido nas actividades culturais e proporcionando aos colexios todo tipo de facilidades para participar en todo tipo de actos. Gústame porque ves como traballan os colexios e como o fan tamén os nenos, con toda a ilusión do mundo. Ademais, ves a calidade dos traballos e tamén o labor que fai La Voz de Galicia, á que teño que felicitar por ilo. E desde logo, mentres que a nosa empresa estea instalada na Costa da Morte do xeito que o está agora seguiremos colaborando para que isto non morra e siga adiante porque é algo importantísimo para os nosos nenos.

josé toja delegado en galicia de edp renovables