Tarde a todo, tamén ao plan de transporte

Miguel Ferreiro

CARBALLO

19 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo vai formar parte do Plan de Transporte Metropolitano. É unha magnífica nova. Supón reducir considerablemente o custe do billete de autobús a Coruña e Santiago (practicamente á metade). Pero tamén pon en evidencia e retrata unha vez máis a xestión do señor. Ferrero. Os veciños de A Laracha, Oleiros ou Cerceda, concellos de todas as cores políticas, xa gozan dos billetes bonificados hai anos. O 8 de febreiro do 2012, case tres anos antes, a Xunta dera a conformidade para a inclusión de A Laracha e Cerceda. Ante as críticas recibidas polos veciños de Carballo, o señor Ferrero sae en prensa dicindo que fixera ata 5 solicitudes formais sen éxito e que Carballo era discriminado pola Xunta. Ao día seguinte sae en prensa a empresa concesionaria do servizo e di que Carballo non realizou trámite algún para adherirse ao Plan de Transporte. Pedimos información a Dirección Xeral de Mobilidade e infórmanos de que os concellos que xa forman parte do Plan, ademais de amosar o seu interese, fixeron unha solicitude por escrito, que é a que pon en marcha o procedemento, facendo, a partir da solicitude, a Xunta un estudo económico que desemboca na inclusión. E tamén se nos di que o alcalde de Carballo amosara o seu interese, pero non fixera esa solicitude inicial. Como iso que se nos di contrasta co publicado de que se fixeran ata 5 solicitudes formais de adhesión, requirimos ao señor Ferrero para que, no caso de que sexa certo o que di, sinxelamente exhibira os documentos acreditativos. Como non os fixera ten que saír de novo dicindo que non sabía que tiña que facer a solicitude por escrito. É de sobra coñecido para calquera, e moito máis para o alcalde de Carballo, que os procedementos administrativos inícianse por unha solicitude por escrito. Unha cousa é ter conversas sobre o tema, todos os concellos as tiveron, e outra é facer a solicitude formal.

O señor Ferrero non a fixo ata o 8 de maio de 2014, a Xunta fai o estudo económico e desemboca no que ten que desembocar, na decisión de incluír Carballo no plan de transporte metropolitano non só nos viaxes á Coruña senón tamén nos viaxes a Santiago. Co que se demostra que non era certo que houbese discriminación algunha a Carballo. Realmente é esperpéntico que Carballo non forme parte do Plan de Transporte Metropolitano ata agora por non ter feito a solicitude formal. O problema é que moitos veciños de Carballo estiveron pagando o billete de autobús sen bonificación durante estes anos a diferenza dos veciños doutros concellos. Mentres outros solucionan os problemas, Carballo chega tarde a todo e, como non, tamén ao plan de transporte metropolitano.