Un mundo que se esquece

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

19 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

a vida é efémera non é ningún descubrimento. É algo que sabe todo o mundo. Os anos pasan como a auga dos ríos que pronto acaba no mar. Contaba estes días Adrián Abella, moi afeccionado a zorregarlle ás conciencias dos rexedores públicos e a andar en leas filosófico-políticas de continuo, que hai unhas semanas recibía sepultura en Malpica Carme da Muxiana, una muller de 98 anos de idade, que como o seu alcume indica, nacera na vila da Barca en 1916. Seica que con tres aniños chegou á vila malpicá camiñando coa súa nai, A Muxiana, e sete irmáns. Disque era unha muller cunha memoria tremenda que deixou un gran recordo no pobo. A Minota, outra veciña do pobo, daba o seu último alento tamén estes días. Segundo Abella, era unha ducia de anos máis nova que Carme. Di tamén que ata hai un mes relataba feitos, datas, historias e lembraba árbores xenealóxicas enteiras da Malpica xa ida. Era unha enciclopedia local, pero a diferenza das que se escriben en papel, xa non haberá maneira de consultala. Ese saber foi con ela para a sepultura, historias que se perden para sempre.

Día a día, aldea a aldea, vánsenos enciclopedias enteiras da memoria colectiva, o verdadeiro disco duro dunha sociedade que se vén abaixo como os vellos muros das casas abandonadas e tomadas polas silvas. Un día tiveron o sorriso da felicidade marcado na cara e outro, a tristeza e os amargores da vida. Un mundo que o tempo fai fuxir sen remisión.