Cara onde queremos ir en materia lingüística

pepe alborés

CARBALLO

11 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

se atendemos á equisa de 2013, no ámbito da Costa da Morte temos uns niveis de uso da lingua galega que podemos cualificar como aceptables, contamos cunha porcentaxe de máis do 85% de falantes de galego, ben como falantes monolingües ben como falantes que usan máis o galego que o castelán, o que nos sitúa na terceira posición por zonas, por detrás do Lugo oriental e da Coruña suroriental e moi lonxe do 26% da área de Vigo ou do 29% da área da Coruña. Pero se analizamos os datos tendo en conta a variación con respecto aos do ano 2008 comprobamos que o número de falantes descende ao redor dun 6% cando a media galega anda ao redor dun 5,5% e mesmo hai zonas como Lugo oriental ou O Carballiño-Ribeiro, nas que medra o número de falantes en porcentaxes considerables.

A tendencia que observamos na Costa da Morte é a mesma que no resto de Galicia, de descenso do uso da lingua, se ben na nosa zona o nivel porcentual de descenso é de case medio punto maior que no resto do país.

Diante destes datos semella obrigatorio tomar medidas e non quedar en parabenizarnos por ter uns niveis de uso da lingua dos máis altos do país pois a tendencia que se observa é de diminución. Esta tendencia nos usos da lingua combátese de maneira efectiva con políticas de dinamización lingüística, e teñen que estar ao abeiro da Administración. Os entes públicos teñen que ter claro cales son obxectivos e poñer as medidas e os recursos para acadalos.

Pero pouco ou nada desto se fixo até o momento. Excepto as medidas impulsadas pola Deputación da Coruña no 2007-2011 que contribuíron a que a provincia tivera un importante número de servizos técnicos de normalización en concellos, cunha estabilidade mínima, as actuacións nese sentido da Xunta ou da propia Deputación, que co cambio de goberno mudou as condicións das subvencións que lles concedía aos concellos, contribuíron unicamente á creación dos coñecidos como servizos de normalización lingüística Guadiana que aparecen ou desaparecen dependendo da concesión ou non de subvencións. Isto fai, na práctica, inútil o traballo que desenvolven en cada período xa que cada vez que se crea novamente o servizo é unha volta a comezar, en moitos casos dende cero. Estes servizos teñen ademais unha duración moi limitada no tempo o que dificulta enormemente a tarefa de tecer redes colaborativas.

A aposta estrela da primeira lexislatura de Feijoó, a Rede de Dinamización Lingüística, continúa a ser iso, a aposta estrela. Na práctica limítase a ofertarlle a concellos, institucións e asociacións un par de actuacións teatrais ou musicais ao ano.

Os orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística reducíronse un 70% dende o ano 2009, pasando dos 21,7 millóns de euros aos 7,5 do 2013. Esta redución vese reflectida, por exemplo, na baixa das axudas que reciben os concellos para actividades de dinamización, nas bolsas de investigación, na redución de financiamento de proxectos empresariais, na asignación da RAG...

En setembro de 2004 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Dez anos despois da aprobación son poucas as medidas recomendadas que se puxeron en práctica e poucos os sectores nos que se traballou, de maneira seria e seguindo as recomendacións.

Chegados a este punto temos que preguntarnos cara onde queremos ir. Se queremos seguir como até o de agora, poñendo parches, parabenizándonos polo pequeno aumento ou polo descenso atenuado ou, dunha vez por todas, queremos tomar medidas que contribúan a recuperación da lingua.

Pepe Alborés é editor e linguista.