De película

Vicente de Lema

CARBALLO

10 dic 2014 . Actualizado a las 14:03 h.

A película Costa da Morte de Lois Patiño recibiu moitos premios, pero tamén críticas moi feras na súa proxección en Vimianzo. É o que ten. Fóra sorprenden unhas cousas que os paisanos esperaban que fosen doutra maneira. Aínda así, o filme de Patiño é moi grande e aporta dimensión a esta periferia esquecida.

Onte chegou a Camariñas Olga Osorio con Marta Larralde de protagonista dunha curta titulada reStart, unha visión nova do Vilán, a outra cara desa paisaxe abafadora na que un adiviña os berros dos tripulantes do lanzatorpedos británico Serpent a punto de verse afogar na punta do Boi. Ese lugar inmenso é en si mesmo unha película. Sentado no aba da Vela mirando como o Atlántico turra unha e outra vez contra os acantilados mentres un vai imaxinando as escenas que centos de mariñeiros agoniando no medio de ondas coma casas listas para engulilos. Unha sesión continua sen fin e sen pagar un peso, de momento.

Películas na Costa da Morte téñense rodado moitas e outras tantas que se poderían rodar. E algún thriller tamén, como o do tiroteo de Aboi. Quen disparou a quen? Veu o colombiano a axustarlle contas a Benigno Ferrío e este respondeulle con lume? Ou foron ambos atacados por un terceiro? Os baixos fondos da Costa da Morte, e de Muxía en concreto, que seguen alimentando a súa lenda ao amparo do clan de narcos. O cine galego, que está en auxe ultimamente, incluso se podería atrever co Cee Vice que se descubre estes días nas redes.