«O marisco ten que chegar á xente ao menor prezo posible»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Insua sostén un lumbrigante nas súas instalación en Fisterra.
Insua sostén un lumbrigante nas súas instalación en Fisterra.

O pequeno empresario fisterrán pretende por produto local de máxima calidade nas mesas de toda España grazas a Internet

09 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O fisterrán Carlos Insua Lobelos (Arau-Suiza, 1977) dirixe Mariscos Lonjamar, unha empresa tan pequena que é el só para todo, pero que grazas as novas tecnoloxías pon marisco en calquera punto de España en 24 horas.

-¿Cal é a diferenza do seu negocio con tantos que hai parecidos?

-Compro directamente aos barcos, nas lonxas e móvome moito. Por exemplo, se hai vendaval e aquí non saen ao mar vou ata a Coruña, cando está do norte tiro cara a parte de abaixo e así. Só merco produtos legais, con toda a garantía, porque quero durmir tranquilo, e da pesca de baixura, que é a máis sostible e a que temos que apoiar. Ademais, vaille directamente á xente, non hai máis intermediarios e, se me fan o pedido antes da última hora da tarde, agora por Internet ou como sexa ao día seguinte téñeno na súa casa vivo e perfectamente conservado. Aparte, agora os prezos dos envíos, que botaban a moita xente para atrás, baixaron bastante e por sete euros podes enviar 10 quilos.

-¿Por qué elixiu esta vía de venta por Internet?

-Porque por aquí veñen moitos turistas comprarme e vén as nécoras a 12-15 euros, cando en Madrid pagan as pequenas de todo a 35 e quédanche agradecidos, como se lles estiveses facendo un regalo. Eu penso que o marisco ten que chegar á xente ao menor prezo posible. O que o encarece son tantos intermediarios, porque todos teñen que gañar uns euros, pero realmente podería chegar a case todo o mundo a un custe accesible.

-¿Esaxérase cos prezos reais que ten o marisco?

-Iso é coma todo. Dise que a centola vai a 50 euros o quilo, cando en realidade ese e o prezo da primeira parada da poxa, as femias máis caras de todas, que ao mellor só son uns poucos quilos. En cambio, tés centola máis pequena, con exactamente a mesma calidade, por 12-15 euros e se cadra algúns días menos. Evidentemente unha familia que sexan seis ou sete para unha comida, se as ten que pagar a 50 euros, hai moi poucas que o poidan permitir, cando doutro xeito, ao mellor, por 60 euros en total teñen o mesmo marisco para todos.

-¿Como fai para poder ofrecer prezos baixos?

-Cando toca o espertador ás tres da mañá porque hai que ir para A Coruña, acórdome das veces que me dixo miña nai que estudase, pero realmente isto gústame e teño boas relacións con moita xente dos barcos aos que lles merco todo o ano. Fanme prezo e cando eles non teñen como darlle saída ao produto eu tamén trato de buscárllela. De aí que lle poida ofrecer aos meus clientes uns prezos máis axustados. De feito, se mo piden agora para o Nadal cóbrollo igual, non llo subo e tamén lle fago algunhas promocións e regalos.

carlos insua lobelos propietario de lonjamar