«Galicia está en crise económica e moral, pero tamén nun renacemento creativo»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CAPOTILLO

As súas pinturas pódense ver no Faro Vilán xunto ás esculturas de Enrique Tenreiro

09 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte é un destino moi coñecido para Antón Sobral (Marín, 1952), visitante asiduo de Muxía e Camariñas e organizador en Camelle dos Encontros de Arte e Natureza dedicados a Man. Tras exercer de comisario na mostra Do papel ao xesto que se puido ver durante a pasada fin de semana no Culturgal e na que colaboraron dúas creadoras muxiás -Teresa Búa e Yano Yoro- regresa agora a Camariñas cunha exposición sobre o mar na que os seus óleos dialogan coas esculturas de Enrique Tenreiro. A mostra estará no Faro Vilán ata o 30 de xaneiro e será inaugurada de xeito oficial este sábado, ás 12.30.

-¿Que se pode ver nesta mostra?

-Normalmente traballo sempre sobre o mar, pero desta vez trátase dunha transición do mar azul, que é como o imaxina sempre a xente, cara un mar roxo, do solpor. Xogo coa espuma que se forma cando hai moitas olas, como ocorre na Costa da Morte, para transformala nunha especie de forxa mariña. É algo distinto ao que é habitual na miña pintura e nas mariñas que fai todo o mundo. Enrique Tenreiro traballa tamén con formas orgánicas así que a exposición acaba sendo un xogo entre pedra, madeira, mar e vento. Buscabamos unha forma diferente de mostrar o mar, máis potente e diferente porque non ten por que ser sempre azul.

-¿Por que o inspira tanto o mar?

-Eu son un namorado do mar desde sempre. Son como un mariñeiro en terra, aínda que ás veces fago ao revés: pinto a terra desde o mar. Nacín en Marín, vivo en Pontevedra e vou moito por Camariñas e Muxía, e para min o mar é o tema de toda a vida. O mar, o horizonte, as ondas, o seu son dinme moito.

-¿Que opina da situación do legado de Man, do que ten dito que é case equiparable ao Pórtico da Gloria?

-Creo que o Museo de Man, o que el deixou é imposible de salvar das ondas do mar porque os temporais grandes están tirando e destruíndo todo. E aínda que se restaurase volvería pasar porque está situado nun sitio que é imposible preservalo do mar. Pódese restaurar a casa e algunhas pezas, pero Man é moito máis que esas pedras e niso está traballando a Fundación Man, para representalo dun xeito digno. Nós descubrimos un Man, que de aquí a un ano e despois de 12 de traballo, por fin vai ter unha pequena homenaxe con moitos dos materiais que deixou e que inclúen máis de 3.000 fotos. Hai que entender a Man como o gran artista da natureza que é. El foi un anacoreta, pero moi formado. Non era unha persoa ignorante que estaba aí sen máis, senón que estaba ao día do que se estaba facendo a nivel mundial.

-¿A imaxe de Man pode ter xogado na súa contra á hora de acadar un recoñecemento maior?

-Penso que, precisamente, o artista ten que vivir como el cre. Con tanta corrupción, con esta sociedade que ás veces dá noxo, con tanta pobreza e tanta xente tan rica, e el escapou un pouco, quixo cambiar, e vivir de forma anacoreta e ese xeito de vivir, de plantexarse artisticamente a vida para min é o auténtico de Man. Non era un señor que facía iso de estar espido un día ou dous días, estaba todo o ano así e facendo o que el pensaba que debía facer. E deixou un legado moi grande que agora se vai poñer en valor e vai ser visible en pouco tempo. El nunca pretendeu o apoio doutros artistas ou do pobo, el só quería vivir como viviu, coa súa filosofía... Nós vivimos no cemento e a xente quere vivir máis na natureza, pero el fíxoo dun xeito moito máis auténtico que calquera outro.

-¿Como ve a saúde da canteira artística galega?

-Acabamos de desmontar unha mostra de cincuenta artistas traballando sobre obras de escritores e podo dicir que en Galicia hai unha crise moral e económica, pero en canto a creatividade estamos nunha situación de renacemento. Hai xente moi nova, e tamén maior, que fai cousas fantásticas. Estanse acadando premios a todos os niveis: no cine, con Lois Patiño, no teatro con Chévere... na música, na poesía. Aínda que estamos na periferia da periferia e que á xente creativa o fai en galego co que ten menos repercusión que se o fixeran en castelán, a nivel estético estamos nunha época fantástica.

«Pódese restaurar a casa e algunhas pezas, pero Man é moito máis que esas pedras»