«A roda do afiador é unha metáfora da emigración»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Santi M. Amil

A Casa da Cultura de Vimianzo acolle esta tarde a proxección do documental «A última viaxe do afiador»

07 dic 2014 . Actualizado a las 11:48 h.

As rodas dos afiadores xirarán esta tarde en Vimianzo grazas a un proxecto impulsado polo actor, guionista e director Aitor Rei (Ourense, 1980). O público que se achegue ata a Casa da Cultura (20 horas) poderá ver varias pezas de distintas épocas (desde unha roda do século XVIII que se levaba ao lombo ata as motocicletas Mobylette pasando polas primeiras rodas que se levaban xa polo chan no XIX e unha bicicleta dos anos 40) e ver como a mesma personaxe que introduce o documental que será proxectado a continuación, A última viaxe do afiador, lles ofrece unha pequena explicación.

-¿Que lle atraeu da figura dos afiadores para embarcarse neste proxecto?

-Atraeume a emigración galega en todo o seu conxunto e unha das formas de emigración máis coñecidas mundialmente eran os afiadores porque portaban unha roda que chamaba a atención e porque era algo moi característico noso; en calquera parte de España todo o mundo sabe que os afiadores eran galegos e a maior parte deles de Ourense. A roda de afiador é como a roda do mundo, é unha metáfora da emigración.

-¿Como está a ser a acollida?

-A recepción é fantástica porque chega a todo o mundo, é unha historia da emigración e o que lles pasou a eles é o que lle pasou a moita outra xente.

-¿Foi moi complicado acceder a ese mundo?

-Investigamos durante dous anos e ademais tivemos un enlace que leva 40 investigando tamén, Florencio de Arboiro, posuidor da colección de rodas de afiar máis grande do mundo; de feito as catro pezas que levamos son súas e el vai tamén ás proxeccións. É un escultor e etnógrafo de 70 anos que naceu nunha zona na que había pobos enteiros de afiadores e el, desde os vinte anos, ao ver que o oficio ía baixando, empezou a recoller todas as súas pedras.

-¿Quen goza máis coas proxeccións?

-Nós estamos encantados porque funciona con todo o mundo. Temos ido tanto por colexios, como por lugares onde a media de idade está en trinta ou corenta e gusta igual. A xente pásao ben porque aparte das emocións das lembranzas tamén ten momentos moi simpáticos; hai personaxes moi peculiares que percorreron o mundo e que se consegues entrar no seu mundo descobres que son xente que ten moita chispa.