«O xoves volveremos a traballar despois de case once meses en paro»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO /LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

02 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Estrella Lema Rojo (Xaviña-Camariñas, 1960) é a presidenta da agrupación de mariscadoras de Camariñas.

-¿Que traballos están a facer?

-Vimos de amañar a zona de A Basa, picámola porque ten moito barro e hai que osixenala. Estivemos toda a semana pasada. Quedou ben, pero é moita extensión.

-¿Van volver faenar?

-O xoves volveremos a traballar despois de case once meses en paro. Imos mirar no río da Ponte, onde estivemos sementando.

-¿Como fixeron para poder superar este ano que estiveron sen ter ningún ingreso?

-Levamos desde o 13 de xaneiro sen gañar nada, sen poder traballar e pagando a Seguridade Social. Foi o que nos tocou e o peor é que o ano anterior xa foi malo, morreunos moito marisco polas chuvias e tivemos que coller o paro. Esta vez foron os temporais. Non nos quedou nada, polo que tivemos que sementar ameixa e berberecho.

-Vai ser un Nadal difícil.

-Hai familias nas que traballan dúas ou tres persoas no marisqueo o non puideron ingresar nada. Non é o noso mellor momento, é verdade. É como se estiveramos empezando de novo, como hai 18 anos. Agora tiñamos as cousas ben, sacabamos cartos. Non é como ir cara atrás cando estás subindo unha costa, é como caer cando estás arriba, sentes desesperación e impotencia.

-¿É este o momento máis difícil para as mariscadoras?

-Tivemos moitos moi complicados. Cando empezabamos descoñecíamos todo e o tema ía pouco a pouco, loitamos moito e moito foi grazas á nosa presidenta, Dolores Bermúdez, que agora é padroa maior.

-¿Xa teñen falado cos compradores?

-Xa os avisamos, eles tamén están sufrindo porque se non compran tampouco gañan. Estámolo pasando todos moi mal porque se non quitamos cartos para o marisco tampouco temos para gastar noutras cousas. Agora a cuestión é ter bos prezos para poder recuperar algo.

-¿Tiveron axuda da Consellería do Mar?

-Deunos axuda para recuperar os bancos, pero o problema é que os traballos comezaron tarde, tiñamos que facelo un pouquiño antes. Aprobouse o proxecto no verán, pero coincidiu coas eleccións á confraría e á agrupación de mariscadores e demorouse todo moitísimo. Xa estaba todo listo en xuño, pero os protocolos son largos e complicados. Agora haberá que ver como están as cousas. Ata o xoves non imos saber se poderemos traballar sen problemas.

Estrella Lema rojo Presidenta das mariscadoras de camariñas