O Couto exalta ós Bos e Xenerosos

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Senén, Casal, Vilavedra e Seivane recolleron os Premios da Fundación Pondal

28 nov 2014 . Actualizado a las 05:10 h.

A Fundación Eduardo Pondal celebrou na tarde de onte o acto de entrega dos Premios Bos e Xenerosos 2014, xa a sexta edición dos galardóns. Como premiados, o historiador, museólogo e divulgador Felipe Senén López; o músico Roi Casal; a profesora de literatura na USC Dolores Vilavedra; e a gaiteira Susana Seivane, que anunciou que a súa demora uns intres tiña un feliz motivo: veu parando polo camiño para «desmarearme» porque espera «un gaiteiro ou unha gaiteira».

Felipe Senén -que non puido esperar ao final do acto- foi o primeiro en recoller o seu premio, da man do escritor Xosé Neira Vilas. Definiu O Couto como unha encrucillada entre «paisanaxe e paisaxe» e, lendo unha carta que no seu día lle enviara Ramón Otero Pedrayo, trasladou a mensaxe que este lle contaba: «O que importa é o nivel de espírito». A continuación, foi Roi Casal quen pasou a recoller o busto de Eduardo Pondal, séndolle entregado por parte da directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García Señoráns. Definiuse como «un galego máis», lembrou a quen foi bo e xeneroso en circunstancias adversas e, antes de tocar a arpa e cantar un poema de Rosalía, evocou o seu contacto con Neira Vilas e falou das «lendas douradas» que lle citaba Curros á padronesa: valor, carácter, ideas, falas e costumes. Lendas Douradas, por certo, é o título do seu primeiro disco.

Dolores Vilavedra foi a seguinte en recoller o seu premio, da man do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Emocionada, porque Roi interpretara «a canción que máis me gusta do seu repertorio», un poema «magnífico e orixinal» da nai Rosalía. Ao galardón que agora a acredita como boa e xenerosa referiuse como «premio cívico» e dixo estar contenta de estar no Couto, «no país real». Asegurou que ser bo e xeneroso é escoitar a voz do pobo, tomarlle o pulso á vida. Referíndose a Roi e a Seivane e aos nenos do ateigado salón, sinalou que esa xeración nova é a que pode salvar o país. A gaiteira Seivane recolleu o premio da man do presidente da fundación, José Luis Fondo. A artista dixo da entidade pontecesá que quen a integra son «dignos herdeiros deste bardo universal», amosou o seu desexo de seguir colaborando man a man con eles e concluiu que o premio a anima na súa teima de traballar pola recuperación, conservación e transmisión da cultura galega, precisamente o motivo da concesión dos galardóns a estas catro persoas. Tocou a gaita, claro.

Un bo número de pequenos interpretaron, como peche do acto, o Himno Galego, acompañados polas voces de todos os presentes.