«Habendo vontade, coma a que puxo Karra, apréndese ben o galego»

CARBALLO

Sonia Varela Pombo.
Sonia Varela Pombo.

Foi asesora lingüística do actor Karra Elejalde, protagonista de «A Esmorga»

26 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai doce anos e uns meses que Sonia Varela Pombo, licenciada en Filoloxía Galega, chegou á Universidade Autónoma de Barcelona. Nacida en Suíza no 1976, aínda que criada en Mirón (Bértoa) dende que tiña só uns meses, foise para Cataluña no 2002 por cinco anos a través dun convenio da Xunta con universidades de fóra de Galicia, daquela como docente lectora, pero fóronlle «renovando» e alí segue dando clase da nosa lingua. Asegura estar moi contenta. Ademais disto, que é a súa profesión, Varela Pombo ten abertas outras vías: sen ir máis lonxe, e a maiores das actividades que organizan vinculadas á nosa lingua, cultura e tradición, ela foi a asesora linguística do actor vasco Karra Elejalde para ser un dos protagonistas do recentemente estreado filme A Esmorga. ¿Achegar a unha persoa que non coñece o galego ao noso idioma en apenas dúas semanas? ¿É posible? Si. Karra e Sonia Varela acadárono. Ela aínda non puido ver a película, polo que non sabe o resultado, pero quen tivo o gusto de vela coñéceo. Aínda que convidada á preestrea, non puido acudir, porque a Galicia virá no Nadal. Tratará de que leven a xa exitosa película a Barcelona.

-¿Como chegou a Karra?

-El vive aquí, nunha vila preto de Barcelona, Molins de Rei. Contactaron comigo en decembro dende a produtora, Vía Láctea Filmes, porque xa viñeran antes presentar Vilamor. Ían comezar os ensaios o 20 de xaneiro deste 2014, así que ao estar o equipo aquí en Barcelona e ter tamén moita relación co anterior lector, déronlle o meu contacto. Precisaban alguén que traballase co actor antes de comezar a ensaiar, e eu xa tiña experiencia previa de asesoramento lingüístico a outras actrices, en coproducións galego-cataláns, e a algunha xornalista. Tamén fixera traducións de textos, correccións lingüísticas para editoriais, apoio nunha sala de dobraxe ou algunha voz en off para algunha película, locutando [as últimas foron Fóra, que vai sobre o sanatorio de Conxo, e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser]. Karra non coñecía o galego e ía ser un dos protagonistas de A esmorga, nin máis nin menos. Tiñamos moi pouquiño tempo. Quedei con el o día de Reis deste 2014 e o día 20 dese mesmo mes tiña que estar aí cos ensaios.

-¿En catorce días?

-Si, si, e non todos tiñamos sesións, aínda que xa había traballo detrás. Antes de quedar con el, o director da película, Ignacio Vilar, explicoume o personaxe, aínda que xa a coñecía por A Esmorga, así como a orientación e perfil que lle ían dar. Karra xa lera a obra, pero en castelán, La parranda. O traballo que eu fixen con el foi previo, digamos, porque cando comezou os ensaios, el aí en Galicia tiña outro lingüísta que o acompañaba na rodaxe. Iso dábame tranquilidade a min e a el tamén. Fixemos unha busca lingüística para caracterizar o seu personaxe, lin varias veces con el o guion, porque el precisaba entender o texto, sentirse cómodo, expliqueille como funcionaba o galego, como se lía, a prosodia, o ritmo, a fonética, vogais abertas e pechadas... Unha primeira lectura foi de comprensión das palabras, despois tamén me ía dicindo que era o que pretendía darlle a ese papel e eu tentaba interpretar con el. Eran moitas cousas novas para el, pero eu tiña moita confianza, porque puxo moita vontade en aprender o galego. Moita forza. Habendo vontade, coma a que puxo Karra, apréndese ben o galego. Dicíalle que estivese tranquilo, que ía ter moi bos compañeiros: Miguel de Lira, Morris...

-Xa en «Ocho apellidos vascos» nos transmitía boas sensacións.

-Si, e foi un traballo gratificante, enriqueceder. O que fun vendo do guion era moi fiel ao libro, tamén lle comentaba o que representaba A Esmorga para a literatura galega.

-¿E na Universidade? ¿Como van de alumnos de galego?

-Antes era materia de libre elección e había moitos estudantes de todas as titulacións, pero agora houbo cambios nos estudos: gañamos en estatus, ao ser o Mínor de galego ou a mención, dependendo da carreira, recoñecido pola Universidade, pero os estudantes teñen menos créditos de libre elección, polo que hai algúns menos. Por iso intentamos facer moita difusión, visibilizar os estudos.

-¿Os alumnos teñen xa algunha relación con Galicia? ¿Coñécena?

-Ata o de agora, cando viñamos tendo cen rapaces, había unha porcentaxe moi alta que si: fillos de emigrantes, parella con familia galega... Outros, afinidade. Pero os deste ano non teñen ningún vencello: estudan galego porque o queren estudar. Incluso este ano e o pasado tivemos estudantes de Hungría, tamén houbo algún finés, polaco... As materias de lingua xa son en lingua, pero tanto nas de historia como as de cultura, eu dende o primeiro día fálolles en galego, e enténdeno bastante ben. Veñen cunha mentalidade aberta. É un traballo moi gratificante, pero tamén é certo que aquí non vivo nunha illa. Hai pouco viñeron os de Queremos Galego e esta semana, por exemplo, hai unha morea de actividades galegas por aquí: vén Sés, Mofa e Befa, presentarán a revista Luzes... Isto, á parte das actividades que nós organizamos: veu, por exemplo, Xabier Díaz. Logo hai asociacións galegas, a Universitat de Barcelona tamén ten estudos de galego, esta o Centro Galego de Cornellá... Sobre se os alumnos coñecen Galicia, moi pouco ou, mellor dito, unha realidade moi parcial. A Rosalía, incluso os máis noviños, coñécena sempre. O que máis é o que menos ten unha referencia parcial. A emigración galega aquí está moi presente.

-Xa finalmente: ¿Tamén investiga?

-A tese que quero comezar xa, e algunha cousa fixen, é sobre o galego nos medios de comunicación.