«Esta zona é produto ideal para as axencias»

j. v. l. cee / la voz< / span>

CARBALLO

O empresario fisterrán participa nunha convención con outros 400 profesionais

20 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O fisterrán Martín Canosa Marcote, copropietario de Brigantia Viaxes xunto con Manuel Canosa, participa esta fin de semana en Benidorm nunha convención de profesionais do sector.

-¿Quen vai a estar alí?

-Os representantes das axencias de viaxes pertencentes ao Grupo Europa, que é no que estamos nós, e que se reparte por toda España cuns 400 socios aproximadamente.

-¿Cal vai ser a súa participación?

-O sábado pola mañá nas primeiras horas imos ter un oco para facer unha presentación sobre o destino Costa da Morte, cun vídeo publicitario incluído, que consideramos que pode ser moi positiva porque é un sitio cando menos como outro calquera para venderlle aos clientes, comparable ás Rías Baixas que fóra son moito máis coñecidas. Promoveremos a nosa paisaxe, os nosos produtos e todo o que ten que ver con esta terra, porque pensamos que lles vai resultar moi interesante e pode traer aparellados bos resultados.

-¿Por que considera que a Costa da Morte é un bo produto para venderllo aos seus colegas?

-Esta zona é un produto ideal sobre todo para as axencias pequenas como a nosa e como a maioría das que están integradas no Grupo Europa. Temos moito que ofrecer e, ademais, coa vantaxe de que non se trata dunha área tan coñecida como poden ser outras, co cal para moita xente que se queira achegar ata aquí será todo un descubrimento. Ademais, contamos tamén co Camiño que, dende o meu punto de vista, é un activo turístico impresionante que podemos e debemos saber aproveitar de maneira axeitada.