Tarde de aniversario e contos con Xabier P. Docampo

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Ana Garcia

O autor celebrou cun grupo de escolares de Cabana os 20 anos do seu libro «Cando petan na porta pola noite»

09 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Con cadanseu exemplar firmado e coa ledicia de marchar para a casa cun pequeno tesouro entre as mans. Así foron abandonando onte o recinto de Dombate os alumnos do colexio cabanés das Revoltas que participaron no acto co que puxeron o punto final á celebración do 20.º aniversario do libro Cando petan na porte pola noite.

O seu autor, o lucense Xabier P. Docampo, sumouse a esta conmemoración compartindo cun grupo formado por máis de 20 rapaces unha tarde de relatos e coloquio na que tamén se coaron outras das súas obras, coma O misterio das badaladas, e no que os estudantes se interesaron por cuestións como as súas fontes de inspiración ou o tempo que é preciso dedicarlle á escritura dun libro.

Docampo tirou da súa experiencia pasada como profesor -de que poden dar fe os que foron alumnos seus en Malpica- e como contador de historias -tal como demostrou hai só un par de anos na lareira do Couto- para conquistar ao seu auditorio cunha exposición na que tamén fixo un alegato da importancia da lectura na educación. Así, lembrou, que mesmo en xeracións pasadas nas que os libros eran un ben de difícil acceso para moitos, os contos servían de ferramentas para inculcar nos pequenos conceptos como o ben e o mal.

O gañador do Premio Nacional de Literatura co libro do que precisamente se cumpren 20 anos, dedicou un bo espazo do seu tempo para firmarlles dedicatorias personalizadas a todos os alumnos e non se quixo ir de Cabana sen volver visitar o dolmen, posto que, segundo contou, a última vez que estivera en Dombate aínda non fora construído o edificio que agora protexe o megálito.

O acto de onte, no que tamén estiveron presentes tamén moitos dos pais dos estudantes e a súa profesora, Silvana Castro, forma parte do programa Dombate das Letras. Na conmemoración tamén participou Radio Voz Bergantiños, posto que nos últimos días emitiu lecturas dos relatos do libro de Docampo feitas polos escolares cabaneses.

«dombate das letras»