Ponteceso festexa novembro cunha nova edición do Simposio Pondaliano

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Unha conferencia de Manuel Ferreiro abre esta tarde o programa de actos

01 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega hoxe o mes de novembro e, con el, unha nova edición -a dezanove- do Simposio Pondaliano. Tendo como base de operacións a sede da Fundación Eduardo Pondal, os actos comezan esta mesma tarde: así, en paralelo á inauguración da mostra fotográfica Costa do Solpor, de Xulio Barreiro, tamén intervirá (17.00 horas) Manuel Ferreiro, grande experto no bardo, en tanto que a el e á súa obra lle dedicou vinte anos de investigación. O filólogo fará un perfil biográfico de Pondal: nesta ocasión, o público que vai ter son mozos e mozas. Para o resto do mes quedarán charlas a cargo de Xurxo Souto, Rosa Aneiros, Fina Casalderrey e Manuel Rivas, así como actividades paralelas (dous roteiros), unha presentación dos libros que viron a luz na Costa da Morte ao longo deste ano, un obradoiro de regueifa e tamén contacontos e obradoiros nos centros.

Coma os anteriores anos, os docentes que asistan verán homologadas estas horas, aínda que ningunha das actividades é pechada nin dirixida unicamente aos mestres. Pode acudir todo aquel que o desexe. Polo de agora, xa hai uns 40 inscritos, pero aínda quedan algunhas prazas. Pode escribirse a fundacioneduardopondal@gmail.com. Todos os asistentes recibirán un certificado logo do Simposio.

Esta nova edición do encontro arredor do bardo, orixe mesmo da fundación, chegou a estar contra as cordas, pero finalmente, ao incansable traballo da entidade, uníronse as axudas de Política Lingüística e da Deputación. Dende o ente provincial amosábanse onte satisfeitos de poder celebrar, outro ano máis, unha cita que é referente cultural do outono na Costa da Morte e en Galicia. Polo Simposio, de fonda implicación cos máis novos, pasaron dende 1995 uns mil docentes.