01 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Baseado en feitos reais. Para ser exactos, o xoves pola mañá, no Fórum de Carballo. Na entrada. Unha persoa está fumando na porta, e cando acaba tira o que queda (cabichas, según os paneis das autoestradas e os dicionarios; colillas para os que nos custa cambiar algunhas palabras) fóra. Non é o único que o fai: ao seu redor, unha morea de restos de pitillos. O peor non é o xesto en si, senón que xusto dentro, ao lado mesmo, a menos de 40 centímetros, hai un cinceiro.

Non é un caso illado. En moitos bares (falo de Carballo por velo a cotío, obviamente é un problema estendido), tamén colocan cinceiros fóra, pero sempre hai quen se empeña en arrebolar os cigarros ao chan, á beira dos outros.

Máis: a nova biblioteca carballesa estivo pechada ano e medio. Moreas de mozos escollían ese lugar para falar, beber, fumar. Incluso para ser ou estar, clásicas reflexións adolescentes, que andan sempre coa filosofía a voltas, non hai máis que escoitalas. Que se Heráclito, que se Parménides... O típico. Tamén era típico meter a cabichas esas por debaixo da porta, para facerlle compaña ás outras. Tal vez pola atracción do desorde creativo do caos.

En fin, que o lixo (a palabra que mellor lle acae empeza por m...) chama polo lixo. Non parece normal que a estas alturas aínda haxa que estar pelexando coa xente para que teña un mínimo de civismo á hora de coidar o que é de todos. Ten que saír da vergonza de cada un. Como o de tirar as pipas nos parques: xa virán as palomas ou os gaviláns.