«No Concello temos moito para a galería e fáltanos o básico»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

O empresario recoñece que ten un traballo «dificilísimo» de cara ás eleccións do 2015

31 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Barcia García (Santa Comba, 1960) vive dende hai 34 anos no Logoso, na parroquia de Olveira, e leva 27 como empresario da construción, agora con tres firmas distintas, dúas propias e outra cun socio. Actualmente ocupa un posto de concelleiro polo PIED, formación política que el mesmo creou, e ademais de ser o presidente da xestora do Partido Popular na localidade acábano de nomear candidato á alcaldía para as próximas elección municipais.

-¿Cales son as perspectivas?

-Calquera que se presente en Dumbría ten por diante un reto difícil non, dificilísimo; pero eu penso que hai cousas que non se están facendo ben, porque no Concello trabállase moito de cara á galería, pero fáltannos cuestións que son básicas. Non vou dicir que Pequeño non fixera nada neste tempo, porque non é verdade, pero nun municipio que non ten débeda e que dispón de recursos, non se pode concibir que non haxa unha soa depuradora ou que esteamos sen plan xeral. Nós agora o que estamos é mantendo xuntanzas con uns e con outros porque o que queremos é que non se desperdicie a ninguén da órbita do Partido Popular, nin dos que estaban nin dos que veñen. Precisamos á unión de todos.

-¿A qué se refire con que se fan cousas para a galería?

-Pois que un alcalde pense en facer unha pasarela de cristal de 650.000 euros no Ézaro, cando a maior parte das obras do municipio están todas ilegais e cando temos ao mellor uns 30 ou 40 rapaces -parellas novas-, que están vivindo en Mazaricos, en Santa Comba ou en Vimianzo porque aquí non se pode facer unha casa. Por exemplo, agora levantáronse unha beirarrúas no Ézaro que levaban cinco anos feitas, pero na estrada xeral, onde se ve, porque vas polo pobo arriba e non hai a primeira.

-¿Pensa entón que faría falta outra xestión das obras?

-Eu o que me pregunto é que interese ten o alcalde para que nos últimos 30 anos todas as obras do Concello as fagan dúas empresas, unha ou a outra. Somos 34 se non me equivoco e xa non o digo por min, que eu son concelleiro e non podo traballar aquí, pero que pasa con todas as demais, non pagan os seus impostos en Dumbría como as outras. Eu preséntome a concursos en Vimianzo, en Corcubión, en Mazaricos,... pero cando foi a última vez que apareceu no xornal: «Dumbría saca a concurso tal obra». Na vida. Isto é un ditadura pura e dura.

-¿Cales cre que deben ser os principais polos de desenvolvemento municipal?

-Está aí Ferroatlántica que non a podemos esquecer porque é unha empresa que da moito traballo aquí, pero creo que o apoio fundamental está no sector lácteo. Hoxe na parroquia de Olveira non sei se haberá algunha cuadra que baixe das 100 vacas e varias teñen 300 ou máis. Non estamos falando de cando traballaban os da casa. Son auténticas empresas que teñen empregados e contratan servizos. Á esa xente hai que darlle o que demanda e o que lle fai falta. Ao mellor no Ézaro hai que investir noutras cousas, pero en Olveira non pode ser que os camiños estean intransitables porque calquera día queda un tractor nunha das fochancas que hai por aí e non sae máis.

-¿Réstalle entón interese ao turismo ou outras actividades?

-Para nada, o Camiño trae inversións grandes, creáronse moitos albergues e non deixa de ser un factor de desenvolvemento importante. Ademais en Dumbría, con ser un Concello pequeno, existe un tecido empresarial forte. No Logoso temos tantas empresas coma veciños. Eu o que pregunto é onde está o turismo no Ézaro ou que entendemos por turismo, porque hai tres bares, nin un só hotel ou pousada. De que estamos falando realmente. Si, veñen miles de persoas ver o bonito que temos pero os cartos vanos gastar a outros lados, porque aquí non teñen onde e a nosa inversión non trae un retorno.