Carballo ten, por fin, a súa nova biblioteca

M. Rey

CARBALLO

O edificio do Rego da Balsa inaugurouse nun acto que contou coa presenza de numerosos veciños

25 oct 2014 . Actualizado a las 00:49 h.

Os veciños e veciñas de Carballo xa teñen un novo espazo para aprender. Este venres inaugurouse a biblioteca Rego da Balsa. Un edificio onde a luz chega a todos os recunchos. E no centro, un carballo aínda pequeño que medrará ao mesmo tempo que o edificio que o resgarda.

No acto inaugural participaron centos de veciños que puideron coñecer por fin o edificio, aínda que cuns meses de retraso sobre o previsto. Tamén houbo unha importante presenza de autoridades. En representación da Xunta estiveron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Política Lingüística, e Manuel Varela Rey, exalcalde de Carballo e xefe territorial de Cultura. Participaron tamén os deputados autonómicos Aurelio Núñez (PP) e Francisco Jorquera (BNG), ademais da nova deputada no Congreso, Marga Varela. A corporación local estivo presente na súa práctica totalidade. E estivo un dos máximos expoñentes da literatura galega actual, Manuel Rivas, moi vencellado á zona. Acudiu tamén Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A música do xoven violinista Enrique Aldao e as letras do rapeiro cercedense Marcos Gende, Xenderal, amenizaron o acto de apertura. Moitos dos presentes desexaron que a partir do luns, cando o edificio abra as súas portas para todos os públicos, a biblioteca estea igual de chea.