Darlle voltas ao mundo

CARBALLO

22 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Dun tempo a esta parte -penso-, alguén deseñou unha estratexia para manternos a cabeza atordada. Aínda que non sexan máis que as necesarias e constantes actualizacións do iPhone ou as redes sociais que nos acabaron por atrapar (algún conseguiu manterse inmune, de momento). ¡Que forza teñen as notificacións en vermello! Dixo un experto non hai moito en Carballo que ver unha alerta desas no móbil deixa no cerebro unha sensación semellante a se a un lle propuxesen sexo. Non sei se será para tanto, pero o caso é que nos comen o tempo. Róubannos a folga silenciosa, analóxica e acaban con ese aburrimento limpo que noutros tempos remataba prosperando en algo: en facer xoguetes un mesmo, en ler libros esquecidos ou en idear trasnadas. Hoxe tamén nos aburrimos, pero co dedo posto na pantalla.

As voces sabias, ás veces non sen certo ton de reproche, din que a folga sempre dá en algo, sobre todo cando caes. Coido que ao ritmo ao que sobrevivimos actualmente habería que revisar a definición desa palabra. Folga xa podería ser facer só unha cousa ao mesmo tempo, centrados. ¿Son capaces de atender nunha única dirección? Cada vez menos. Abrimos moitas ventás e imos morrendo por unhas ou por outras, segundo máis preste.

É por iso que cando conduzo (polo de agora, o máximo legal para facer cadrar con esa actividade é escoitar a radio), sempre lle acabo dando unhas voltas ao mundo. Resulta inevitable, vén só. Non me fan falta máis de 30 quilómetros. Entre a capital de Bergantiños e Vimianzo, por poñer un caso, son quen de preguntarme que é o importante, para que, por que, cando, como facelo, como dicilo, pesar no de mañá e no de pasado, nas comas ben postas, nos verbos mal usados, nos erros cometidos, na necesidade, na falta, na ausencia, na xente que fala moito (e de máis), na que está calada, en que fará, no que espera el, no que agardamos nós... Ao baixar do coche o mundo xa está canso. Deille moitas voltas, todas, e total para deixalo no mesmo lado. Xa o dicían os sabios: a folga ten que dar en algo. E ás veces, claro, manca.