A operación Orquestra

Xan García

CARBALLO

21 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Aoperación Orquestra: «Unha chapuza policial con ánimo de notoriedade da xudicatura». Cando foi a operación Orquestra xa fixen esta mesma afirmación. Ao marxe de que se alguén ten algo do que responder ou fixo algo mal que o pague, o espectáculo mediático que se montou prexudicou a imaxe de toda a Costa da Morte e non é propio dun país que está na Unión Europea, senón dunha república bananeira. A Xustiza cando é moi lenta deixa de ser Xustiza. Non é normal que tres anos despois, o fiscal aínda non calificara os presuntos delito. Moito me temo que pasará coma co Prestige, o cal é moi grave para unha sociedade chamada de dereito. En nome de Converxencia Galega, vou facer unha afirmación políticamente incorrecta, pero que xa no seu día foi discutida e aprobada polos órganos do noso partido. Nós estamos en contra de que os imputados dimitan ata que sexan condenados. Non podemos quedar a expensas de que un iluminado presente unha denuncia e que arruine a carreira de calquera político de ben, que cos seus acertos e os seus erros, ten como intención traballar polos demais. O PP, ao PSOE e ao BNG enchéuselle a boca de pedir demisións cada vez que se imputaba a un membro do partido contrario. Agora estoupoulle nos fuciños a uns e a outros. Aplicaron o de «e ti máis». Sei que esta afirmación non é oportuna políticamente, pero quero ser valente e dicilo. O mundo está cheo de oportunistas mediocres. Un pai de familia non pode estar vivindo seis, sete, oito ou nove anos imputado que é como vivir coa espada de Damocles enriba, con todo o que iso supón.