Bálsamo de fierabrás

Vicente de Lema

CARBALLO

21 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Acomedia ten que ser o espello da realidade. E, ás veces, tamén a menciña contra o que cae cada día neste sainete de rúa que vivimos a cotío. Neste tempo Carballo está ateigado de teatro, ben no Pazo da Cultura, nos pubs e as cafeterías e mesmo no mercado. Pero nada é capaz de chegar aos esperpentos que nos ofrece o día a día. Aos xulgados sáenlle os papeis por debaixo das portas. Cando non é unha prevaricación é un desvío de caudais públicos, un fraude ou unha estafa. Os feitos reais superan calquera ficción, nin sequera a dos dramaturgos máis imaxinativos e mesmo dos afectados por alucinóxenos. Non hai xornada na que un non leve sorpresas e non hai palabras para cualificar os froitos que a cobiza vai dando cando se trata de amorear cartos procedentes do erario. Coma se houbese un campionato para ver quen leva máis diñeiro das arcas das institucións públicas, e mesmo privadas cando son financiadas ou rescatadas con cartos do Estado.

Neste ambiente, que veña don Don Quixote a Carballo e diga algo tan serio como que «pola liberdade e a honra debe un aventurar a vida» pódelle dar a calquera a risa, a cachón, ata a parada cardíaca. A comedia ha de ser o espello da vida, dixo tamén. Onde el vai. Non hai comedia que chegue á declaración dun imputado diante dun xuíz ou a reprodución das conversas telefónicas dos sumarios. Deberían ser utilizadas como libreto nalgún espectáculo do FIOT.

Calquera vello da Costa da Morte canso de destripar terróns debe sentir moita aflición na alma cando na súa vida non deu xuntado unha manchea de cartos e agora ve como outros estragan neles coma se naceran debaixo das pedras. É para sentir dor de cabeza e do corpo enteiro e que non haxa bálsamo de fierabrás no mundo que o poida curar. O único que nos pode permitir saír desta é una receita de altas doses de ironía e sarcasmo subministradas en vea para ver se hai algunha maneira de salvar esta lameira estarrecedora. Aínda así, é mellor non sufrir moito para non levar dobre carga.