Dezasete anos do primeiro portal

La Voz

CARBALLO

17 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O portal máis veterano da Costa da Morte é o www.finisterrae.com, que xurdiu no 97, da man de xente da bisbarra e orientado a toda a Costa da Morte, sobre todo pensada para a información turística e cultural. Na súa primeira época, Canosa formou parte do equipo. O carballés Manuel Pan, tamén, e aínda segue como responsable de Abertal. Porque o chamativo desta páxina non é tanto que fose a pioneira, que tamén, senón que se manteña, un feito pouco habitual: do bum que se viviu naqueles finais dos 90, cando na web estaba todo por facer, pouco queda.

Pero sempre depende dos servidores. Iso permite que a de Vieiros aínda se poida ver, pero só ata o día no que desapareceu, en xullo do 2010. A súa última entrada permanece na Rede como un fósil que evoca tempos mellores. Claro que Internet ten mecanismos para atopar espazos que xa non existen, unha especie de viaxes no tempo para rescatar sitios que morreron. Para quen teña tempo e nostalxia é recomendable que busque a Oración de Fisterra, que se aloxaba no (tamén desaparecido) Geocities, e que facía un funcionario da Xunta namorado da Costa da Morte. Aquel traballo estaba edificado virtualmente a base de fotos e datos sobre a Costa da Morte, ademais de poemas de Manuel Rivas e de Seamus Heaney, entre outros. Naceu no ano 1996, e mantívose moito tempo como un náufrago da Rede, mentres Geocities, que só subsiste no Xapón, estaba viva.

Cos anos foron chegando moitas máis (e morrendo outras tantas). Comerciais, moitas. Dos concellos, tamén. A primeira foi a de Camariñas, a finais do 98. Carballo empezara na páxina de Interbook, e Coristanco, na de Arrakis. Os dominios propios tardarían algo máis. A última municipal é a de Cee, de hai tan só cinco anos.

O primeiro grupo político da zona que deu o salto á Rede foi o PSOE de Fisterra (no 2000, tamén en Geocities). Os primeiros colexios, os de Canosa-Rus e Corcubión. Xiria, no deporte, tamén estaba na avanzadilla. Persoais tamén había: as redes sociais aínda quedaban lonxe.

Finisterrae.com xurdiu en 1997, pioneira, e aínda se mantén

en activo