Está na nosa man existir

Nel Vidal

CARBALLO

16 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecemos estes días datos sobre o uso habitual da lingua galega, feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir do Censo de 2011. Aínda que hai que ter prudencia coas cifras, pois non son dun estudo sociolingüístico con análises e correccións, senón a resposta directa da xente a unha pregunta, hai dúas grandes conclusións xerais: que en dez anos baixou considerablemente (-14 puntos) o uso habitual do galego no conxunto do país, do 57 % da poboación en 2001 ao 43 % en 2011; e que a zona onde se mantén un maior uso do galego espontáneo é a Costa da Morte, Terra de Soneira e Bergantiños.

Segundo os datos publicados, o galego é a lingua habitual de máis do 80 % da poboación de Bergantiños, de case o 90 % da xente da Terra de Soneira e de preto do 75 % da veciñanza da zona de Fisterra, con maiores índices de uso nos concellos menos urbanizados.

Mais, aínda que de entrada estes datos son bos, agóchanse tras as cifras dous elementos cualitativos que non podemos esquecer: a menor idade menos uso da lingua propia e diferenzas diglósicas por ámbitos e contextos. Na práctica, por pór só un exemplo: as cifras non reflicten por que unha señora maior que fala habitualmente galego cambia ao castelán para falarlle ao seu neto ou á médica que a atende. E, claro, o futuro é posible que estea máis nese neto e nesa médica que na señora maior...

Polo tanto, cal é o reto? Pois creo que converter os usos maioritarios espontáneos e informais, en usos orgullosos. En, por exemplo, ademais de atender en galego a xente que vén polo noso bar ou comercio, ofrecerlles na nosa lingua a carta, a publicidade, a rotulación, a factura ou a páxina de Facebook. E en transmitirlles aos máis pequenos o mellor que temos, que é a nosa lingua, a única que contén a nosa maneira única de vermos o mundo.

A lingua é o que somos e o que nos transmitiu quen máis nos quixo, e está na nosa man seguir existindo como galegos e galegas, para o que fai falta que todas e todos nos responsabilicemos dela.