«Estou empezando unha vida e queimáronme vivo»

La Voz

CARBALLO

14 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Martín Castiñeiras Pérez (26 años) é o propietario da construción sobre en a que pesa unha orde de derribo e unha sanción de 366.667 euros, na estrada de Vilán. El é un dos netos do construtor José Perez, máis coñecido como O Mantido. Ademais, Martín Castiñeira é responsable das xuventudes do PP en Camariñas.

-¿Cando mercou esa parcela?

-Hai sete anos. Pedín un crédito e fomos facendo pouco a pouco . Coma nós fixo todo Camariñas. Ao non haber plan urbanístico todo o pobo estaba parado e todos queremos ter algo.

-Alega unha persecución á súa familia.

-Estou vetado para todo, non podo obrar e non podo traballar. Para coller unha obra en Camariñas teño que baixar un 30 %. Así non podo levantar nada do que me deu meu avó. Arruináronme a vida por completo. Estou de acordo en que no teño licenza, pero o 90 % de Camariñas é ilegal. A partir de que acabou a obra xa viñeron os problemas.

-Queixase do Concello, pero quen lle obriga a derrubar é a Xunta.

-Denunciou o Concello, pásalle á xente que non se leva ben con eles. Pasou á Xunta e agora lávanse as mans. Eu son dunha familia humilde e traballadora, meu avó foi moi querido, nunca nos metemos con ninguén, pero van por nós polas ideas políticas.

-Milita nalgún partido?

-Non compartimos as cousas como as fan. Non queren que traballemos e temos unha empresa desde hai 70 anos, que xa era de meu bisavó.

-¿Que vai facer?

-Aguantar o máximo, ata que non poida máis. Vou atrancar coa miña maquinaria ata o último. Perderei a parte da empresa que teño. Non podo ter nada, nin nómina nin nada. Terei que marchar cara arriba, cara Suíza, coller a maleta. Eu non lle fixen mal a ninguén. Construín na miña parcela... Non sei que facer, a situación é moi complicada. Teño 26 anos, estou empezando unha vida e queimáronme vivo. Eu vou loitar, van tela moi negra, xa non perdo nada, vou quedar sen nada...

-¿Hai solución?

-Agora non. Eles podían metelo no plan urbanístico como fixeron con moitos. Se collen a metade do terreo ¿por que non dez metros máis? Foi feito con malicia, con maldade. Se teño que morrer alí, morro alí. Non pode ser que por capricho do alcalde esteamos así. Teño seis obreiros e iso vai adiante veranse na rúa porque non podo soster a empresa.

-¿É unha vivenda?

-Non, teño animais e plantas. Teño ovellas e conexos. Gústame ir alí para estar cos animais.

-¿Por que cre que houbo malicia?

-A primeira denuncia veu a nome do meu avó. Nin sequera miraron de quen era a finca. El foi un home traballador toda a vida e queríanno arruínar. Eu non roubei nada, estou pagando aínda un préstamo e vou quedar sen nada por culpa do capricho dun alcalde que vai arruinar a vida dun rapaz.

-¿E o de seu avó?

-Tamén lle puxeron unha sanción de 366. 667 euros. El non fixo nada, só me axudou. ¿Como vai ser un xubilado promotor dunha obra? Ao Mantido tiñan que jodelo como fora.

-Como mínimo vaille custar 150.000 euros e o traballo que fixo. ¿Cando ten que derrubar?

-Tiña que tirar xa, pero non vou facelo, teño claro. A familia penso que me apoia e no meu mando eu. Non vou deixar que me embarguen, que me leven para a cadea. Hai moitos edificios ilegais en Galicia, pero son de xente rica e poderosa e non os tocan e o pobre desgraciado que esta a pagar un crédito... O pobo apoiame. O Concello quitoulle o terreo dunha veciña para facer o tanatorio e non lle pagou nada, pero eu non podo permitirme avogados de luxo. O alcalde pleiteou a conta do pobo e ela non tiña moito para defenderse.