Emprendemento e territorio

Rosa Sánchez

CARBALLO

04 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Grazas ó labor do equipo de axentes de desenvolvemento local e da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación Provincial da Coruña estes días estase falando moito do emprendemento e estase levando esta inquietude aos centros escolares. O «pasar da idea á acción» contribúe a que aparezan novas empresas, algunhas, todo hai que dicilo, para desaparecer un pouco máis tarde. Pero, tamén nolo contan os expertos, hai que saber aprender dos fracasos, a maior fonte de sabedoría neste campo.

Desde o punto de vista dos profesionais de desenvolvemento local, o emprendemento ten dúas dimensións. Unha é a individual, a da persoa protagonista de crear unha empresa e así mobilizar os recursos do seu entorno ou aproveitar as oportunidades dos mercados para crear riqueza e emprego a través dunha actividade económica. A outra é o marco no que nace esa empresa, o territorio que a acolle.

A persoa que se embarca na difícil misión de crear unha empresa e loitar para que persista no tempo debe contar con capacidades e habilidades, pero tamén debe coñecer as oportunidades e ameazas que a agardan no espazo no que se vai mover.

Por outra banda, os territorios deben ser terreos aboados para que a iniciativa empresarial prenda, medre e dea froito. E aquí entra, o que Francisco Alburquerque -experto en desenvolvemento local- denomina o «motor de cuádruple hélice». A actividade empresarial debe facer fronte a dous tipos de retos. Por unha banda, todo o relativo á produción e competitividade e, por outra, a satisfacción de mercados cada vez máis esixentes, debido, sobre todo, ao efecto da globalización.

Para responder a eles dunha maneira intelixente, desde o enfoque de desenvolvemento local, faise necesaria a colaboración, a creación de sinerxias, a implicación, de catro actores: sector público, sector privado, sector do coñecemento e sociedade civil. Isto permite que os acordos da comunidade se prolonguen no tempo e non se circunscriban ás convocatorias electorais. E tamén se dá un paso cara a especialización de sistemas produtivos, sobre os que esas catro hélices deberían enfocar os esforzos.

Na Costa da Morte temos dous piares para desenvolver unha estratexia harmónica na que centrar ese motor: a produción do sector primario e o patrimonio cultural e natural.