Lixo: Se non pagan uns, terá que volver a pagar o resto

Belén Lendoiro

CARBALLO

02 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Oservizo de recollida de lixo e de residuos sólidos urbanos é un servizo público municipal, obrigatorio por lei e que afecta á totalidade da poboación. É de recepción obrigada como tamén o é o de sumidoiros.

Un principio fundamental recollido na lei e que rexe o financiamento dos servizos públicos locais é a autosuficiencia: cada servizo debe financiar o seu custo, e para iso establécense as taxas. Non se pode confundir a taxa cun imposto. A taxa é sempre a cambio dun servizo que o Concello presta.

En Carballo hai no servizo de lixo 2.337 contedores de diversas categorías, recollida, transporte, traslado a Sogama (10.700 toneladas anuais), punto limpo, canceira... que o Concello ten a obriga de ofrecer e manter e que calquera persoa pode utilizar. Neste punto reside a clave que determina a obrigación de pagar a taxa.

O Concello ten que poñer contedores nun radio inferior a 350 metros de cada vivenda, estea ou non habitada, o camión ten que percorrer entre o casco urbano e as parroquias uns 3.404 quilómetros á semana. Por iso a ordenanza fiscal establece que toda vivenda, polo feito de que se poida vivir nela, debe pagar a taxa se está nunha zona onde o propietario recibe o servizo. A taxa serve para costear un servizo que se lle presta a toda a poboación de Carballo. Inclúense aquelas vivendas que constan no catastro como uso residencial. Non as que figuren no catastro como non rematada, uso almacenamento, sen uso específico, industrial, local de negocio, obras en execución? Se o contribuínte alega que a súa vivenda non é habitable entón o Concello comprobará que se efectivamente é así darase de baixa do padrón fiscal.

Asumimos o que está establecido pola lei e a abundante xurisprudencia, e que é común desde hai anos, nos concellos do tamaño de Carballo e nas cidades: o servizo é de recepción obrigatoria con independencia de que se use ou non.

A cantidade que se paga vén determinada polo custe total do servizo estimado para o noso Concello en 125 euros por vivenda. Malia iso e tendo en conta a necesidade de baixa presión fiscal, en Carballo, estableceuse un fixo para todas as vivendas habitables, en función das zonas de frecuencia de recollida. Para as de maior, 64,28 euros, que supón 5,36 ao mes, e para as de menor, pero con máis percorrido, 51,54 euros, que son 4,29 ao mes. Todo isto fai que Carballo teña unha taxa moi baixa se o comparamos con concellos do noso mesmo tamaño

O déficit do servizo en 2013 foi de 196.332,93 euros aos que teríamos que incrementar para este ano a subida dun 34% do gasto de Sogama. Coas taxas actuais pagando as vivendas habitables a previsión do déficit ascendería a 396.731,98 euros.

Paréceme importante deixar claro que calquera cambio na ordenanza que supoña baixar na cobertura de custes, suporá necesariamente aumentar o déficit, que ten que ser cuberto con outros recursos do Concello. Por suposto, esta parte obviase no discurso do PP e de TeGa.

Un obxectivo do goberno do BNG no concello foi sempre manter unha fiscalidade moderada evitando as subas desmesuradas e descontinuas. Buscamos subidas asociadas ao IPC para non incrementar o déficit na porcentaxe de cobertura dos servizos pois, como goberno, somos responsables da estabilidade económica do Concello e de garantir o financiamento dos servizos. Aínda así reitero, e as comparativas sempre son obrigadas, o Concello de Carballo mantén unha presión fiscal das mais baixas de Galicia.

Pode haber quen diga que non paguen todas as vivendas, estamos en precampaña e hai que pescar votos, pero a responsabilidade sobre as contas tena quen goberna e no meu caso non serve a demagoxia fácil, senón o feito de que os números son teimudos e se non pagan uns, terá que volver pagar o resto. Así de simple.