A Costa da Morte fala por si soa nun filme dunha plasticidade conmovedora

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

FERROL CIUDAD

30 sep 2014 . Actualizado a las 17:54 h.

A proa. Ben podería ser o título de Costa da Morte, a película de Lois Patiño seleccionada para 60 festivais de todo o mundo e galardoada en 12 deles. Vírona en ducias de países moito antes que nesta bisbarra. Esta fin de semana puxérona nos cines de Cee, xunto con outros tres da Coruña, Vigo e Ferrol. A Costa da Morte é a proa, din nun momento dúas mulleres mentres camiñan pola area ao tempo que unhas ondas lles van acariciando os pés.

O filme, de base documental, arrinca con néboa, un recurso moi presente na cinta, e piñeiros que van caendo vítimas da motoserra. Os diálogos proveñen das propias paisaxes, que se van sucedendo nun alarde plástico inmenso. A Natureza leva o ritmo da narración gracias a unha fotografía extraordinaria. Unha paraxe dá para mil imaxes diferentes: no solpor, na alba, con luz, sen ela, en marea baixa, en marea alta, con chuvia, con sol, con argazo, sen el... A poesía e o seu ritmo que entran polos ollos, non polo oídos.

Cando o lume arde no monte, as lapas parecen vir queimar tamén a sala do cine. É a Costa da Morte das mil versións. O mar , que unhas veces está á espreita e outras cóbrese de gaivotas, as redeiras, o faro de Nariga, as bateas que se sosteñen no infinito, paraxes coñecidas con outras perspectivas, van falando por si mesmas. E cada certo tempo, como por casualidade, personaxes case camuflados na estampa de cotío van deixando frases, ditos, datos ou lendas: «¿Que carallo van saber os políticos?». Non se apiadou Lois Patiño e tamén recorre a tópicos, as vacas con lume nos cornos para provocar naufraxios. Ata houbo barcos fundidos que levaban bombóns italianos.

Os percebeiros envoltos na escuma, o mar quéreos capturar, pero teñen estudada as series de ondas, ás que regatean abrazados ás rochas, un comando nunha operación de alto risco. E os salseiros coma se fosen chegar aos asentos do público. O monte sagrado do Pindo tamén ten que contar e o San Bartolo, de Salto, onde as campás tocan a morto. O mar enfurecido rebélase ao pé do acantilado contra o pescador de cana. É, en realidade, unha versión nova dunha rexión de lenda. A proa sempre bate contra todo. Conmovedora.

cine a película de Lois Patiño