Alternativas ao uso dos vehículos privados

Xosé Regueira

CARBALLO

30 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os patios, as beirarrúas, as rúas e as prazas adquiriron cada vez máis, funcións asociadas ao automóbil e ao comercio, quitándollas aos cidadáns. A cidade renunciou a ser un espazo compartido e sistémico, no que cada parte necesita das outras para destinar espazos definidos a funcións e clases sociais diversas, construíndo guetos e zonas privilexiadas, baleirando os centros urbanos e dando vida ás modernas periferias. As cidades modificáronse e transformáronse nun ambiente pouco san para a saúde, debido á contaminación atmosférica e acústica, e a que están sucias e son perigosas».

Con este parágrafo da obra A cidade e os nenos, poderíamos definir claramente por que temos que prestar atención urxente á mobilidade e aos problemas de malos hábitos da sociedade actual. E, sobre todo, a mobilidade infantil.

É preciso recoñecer que a mobilidade dos nen@s e @s moz@s é un tema problemático, xa que se rodean dunha contorna urbana que presta escasa atención ás súas necesidades. Con todo, son os que máis desprazamentos efectúan no cómputo global, e maiormente no seu camiño aos centros de ensino. Cada vez é máis frecuente que eles, e tamén cada vez máis adolescentes, se despracen en compañía dun adulto ou no automóbil dunha persoa maior.

Máis tráfico

Co remate do verán, as vilas viven o primeiro colapso de tráfico. As persoas volven ao traballo e iso nótase na cantidade de coches. Mais, cando realmente se comezan a producir os auténticos problemas no tráfico é co comezo da actividade escolar. Os desprazamentos multiplícanse e circular convérsese nunca especie de loucura que deriva en caos se nos toca pasar preto dun colexio, auténticos puntos negros de tráfico. As persoas que acompañan ás súas crianzas en coche case sempre resaltan a falta de aparcamento a menos de 100 metros. O gracioso é que, nais, pais, avós, avoas, desexosos da comodidade deciden que aparcar na porta, na parada do autobús ou en dobre fila é moito máis seguro. Isto acaba provocando un embude e inmensas molestias ao resto de usuarios. Por iso, de pouco ou nada valen as queixas reclamando máis espazo para estacionar, se o espazo que se pretende é o máis próximo á porta do colexio. A conclusión é que somos vítimas de nós mesmos.

As aglomeracións de vehículos nos centros son un risco evidente de accidentes. Atascos, agresividade, presas... Para evitalas, os expertos recomendan que os centros escolares, en colaboración cos concellos, ANPA, alumnado e policía realicen auditorías que sirvan para comprobar as condicións de seguridade viaria que afecten a contorna escolar, e propor as medidas necesarias para reducir o risco e mellorar a circulación. Mais, sobre todo, que se busquen alternativas ao uso do vehículo privado.