O Concello de Vimianzo afronta a recta final cultural do ano con teatro e música

CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Superado o parón do verán, a Casa da Cultura de Vimianzo prepárase xa para acoller o intenso programa de actividades preparado para o último trimestre do ano polos responsables municipais e no que o teatro e a música ocuparán un lugar máis que destacado.

O mes de outubro estará dedicado ao teatro e levará ata a capital de Soneira a algúns dos actores máis populares da escena teatral galega, como Cándido Pazó -o encargado de abrir o ciclo o día 5- ou Toño Casais e Artur Trillo -que presentarán na localidade a nova proposta de Talía-. Pero, tamén haberá tempo para gozar do talento comarcal coa actuación dun grupo da Escola Municipal de Teatro de Zas.

En novembro a música será a protagonista alternando de novo os representantes máis próximos con outros artistas de sona galega. Así, o programa do mes incluirá unha gala dedicada aos músicos locais e o terceiro Encontro de Corais da Terra de Soneira, xunto a Xoán Curiel, Luís Iglesia B. e Xabier Deive.

Xa no vindeiro mes de decembro, e na véspera do Nadal, chegará o momento de deixar paso á maxia e a unha interesante película documental.

Todas as citas serán ás 20 horas na Casa da Cultura e ao igual que en programas anteriores, a entrada será gratuíta.

O programa

Domingo 5 de outubro

Decamerón. Cándido Pazó recrea algúns contos clásicos italianos do século XIV. 20 horas.

Domingo 12 de outubro

Demolición. Talía visita Vimianzo coa súa última obra, que protagonizan Artur Trillo e Toño Casais. 20 horas.

Domingo 19 de outubro

Os calzurras. Representación a cargo de Sen tempo teatro, grupo pertencente á Escola Municipal de Zas. 20 horas.

Domingo 26 de outubro

Animaliños. Desde Santiago chega a veterana compañía Ditea para representar o clásico de Vidal Bolaño. 20 horas.

Domingo 2 de novembro

Músicos de Vimianzo. Cita para gozar do talento musical dos artistas locais. 20 horas.

Domingo 11 de novembro

Xoán Curiel. O músico e actor poñerá sobre o escenario a súa combinación de pop galego con mestizaxe étnica. 20 horas.

Domingo 16 de novembro

Corais da Terra de Soneira. A Coral de Mulleres de Camariñas, Xan Mella de Baio e a Polifónica Lusco e Fusco de Vimianzo participarán na terceira edición deste encontro. 20 horas.

Domingo 23 de novembro

Sede de mal. Xabier Deive e Luís Iglesia B protagonizan esta comedia musical. 20 horas.

Domingo 30 de novembro

Os Da Ría Íntimos. O humor e a música danse cita no espectáculo deste grupo integrado por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso. 20 horas.

Domingo 7 de decembro

A última viaxe do afiador. Proxección da película documental dirixida por Aitor Rei. Ás 20 horas.

Domingo 14 de decembro

Mago Richard. O ilusionista repasa algúns dos mellores trucos da súa longa traxectoria. 20 horas.