«O que buscamos é unha alianza coa sociedade galega»

Luis García CARBALLO

CARBALLO

José Turnes, de Terra e Leite, en Fonteboa.
José Turnes, de Terra e Leite, en Fonteboa. JOSE MANUEL CASAL

Fonteboa acolleu unha charla de análisis da situación do sector lácteo

24 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

José Turnes Paredes é o presidente da asociación Terra e Leite. Onte ofreceu unha charla aos alumnos de Fonteboa a o luns participou no programa Voces do Agro, de Radio Voz Bergantiños.

-¿É bo que a xente abandone o traballo no campo?

-Eu creo que nin é bo nin é malo, é o que pasa na economía desenvolvida. Cando entramos no mercado común tiñamos no campo o 30 % da man de obra activa, modernizámonos, a xente vive mellor e producimos máis do dobre. Outra cousa é como se desenvolvan alternativas para dar vida de calidade ao excedente da man de obra do campo.

-¿Cales son os obxectivos desta asociación, que naceu en xuño?

-Nós, o que pretendemos, para definilo unha palabra distendida, é o bo rollo. Partimos da base de que temos un sector produtor de leite moi importante e que a sociedade no seu conxunto non o valora así. Parécenos que o que buscamos é unha alianza coa sociedade galega. Somos xente de moi diversa procedencia con certa importancia da vida social de Galicia, da universidade, da economía, do xornalismo, da cuestión xurídica... Nós non presumimos de ter a receita para nada, o que queremos é destacar os avances que houbo na produción de leite e ter conciencia de que deste motor depende que teñamos un sector primario ordenado e potente a nivel económico.

-¿Por que precisamente forman a entidade agora?

-Somos xente de moitas idades, pero algúns fomos moi activos desde que entramos no mercado común europeo e cada un, no noso traballo, fomos protagonistas activos desa vida. Consideramos que hai dúas datas importantes: unha foi o 1986, cando entramos nun escenario de cotas, e outra vai ser agora, no 2015. Pretendemos poñer a información de que dispoñemos ao alcance da sociedade para que non comentamos os mesmos erros e potenciemos un sector que non se pode vir abaixo.

-¿Como vai ser o 2015?.

-Creo que temos ante nós un reto importante, moi difícil e moi complexo. Non pretendemos ir de sabiondos, senón poñer enriba da mesa os grandes problemas do sector. Nestes máis de 25 anos que levamos na Unión Europea o punto de partida era que tiñamos un sector produtor moi atrasado e un tecido industrial que vivía cómodo, no mercado español e vendendo basicamente leite líquido, con relativa pouca presión do exterior. Nestes anos, os gandeiros fixeron un esforzo inmenso por mellorar a tecnoloxía da produción e as instalacións, e compraron cota, que foi unha inversión terrible. E hoxe temos un sector produtor a nivel mundial e un auténtico reto no desenvolvemento da parte industrial. Non foi capaz de facer a reconversión que necesitaba e foi aguantando a presión dun mercado cada vez máis competitivo. Agora temos unha industria centrada no leite líquido, que o que ten menos valor engadido. Iso é un problema, porque as oportunidades están no mercado exterior en Asia, África, Brasil...

-Este é un mundo cada vez máis globalizado. ¿Como se están a facer as cousas?

-O último documento que publicamos na nosa páxina facemos un análise das inversións que se fixeron no sector industrial. No Europeo, en tres años levan investido máis de cinco millóns de euros e no español unha insignificancia, un 5 % desa cantidade, pero o peor é que fóra, ás espetativas de negocio son eses mercados. O leite prodúcese en países ricos porque se precisa tecnoloxía. Están chegando a acordos industrias con grandes empresas de China ou Nova Zelanda para colocar ese leite que imos producir, para vendelo neses países. Non podemos atascar máis Europa, onde o consumo non crece. Temos que ir tras a gran oportunidade que nos brinda o mundo. Non é que a industria en España e en Galicia non o vexa, e que non é capaz. A sociedade ten que animar e apoiar e ás institucións só que son decisivas, porque senón temos unha sombra importante no sector.