Un pregón co mellor acompañamento para calquera alimento

CLARISA FERNÁNDEZ

CORISTANCO

23 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Bos días e benvidos a Coristanco. O primeiro que teño que dicir é que foi unha sorpresa grande cando me invitaron a ler o pregón desta 34 edición da Festa da Pataca, e digo sorpresa porque considero que se fago unha lista de persoas de Coristanco merecedoras de estar aquí, a min tocaríame dentro de bastante tempo? Ou non me tocaría. De todos modos, agradecer ao alcalde, á corporación e aos membros da comisión organizadora que me fixeran esta invitación porque é unha satisfacción persoal moi grande.

Dunha forma ou de outra levo envolta coa Festa da Pataca practicamente desde o seu comezo... Participando nos concursos gastronómicos, preparando comida para servir no recinto, elaborando pratos para as degustacións feitas noutros certames ou cociñando para as autoridades asistentes a festa? Pero teño que dicir que ningunha das cousas me deu tanto choio nin tanto que pensar coma isto que estou facendo agora.

Pasei toda a miña vida aquí, en Coristanco, como sabedes moitos de vós que me coñecedes. Nacín aquí ao lado, no lugar do Ribeiro, na parroquia de Erbecedo. Son filla de labradores, Manuel e Dorinda, que se me están vendo desde algún sitio seguro que se sinten moi orgullosos. Casei e xunto con Manolo, o meu marido, abrimos Casa Sánchez, alí en Erbecedo, ¡xa logo fai cincuenta anos! Sigo traballando, axudada polos meus fillos, que pretenden seguir alí pelexando co negocio, ogallá polo menos outros tantos anos como levo eu.

Con estes antecedentes xa vos podedes imaxinar que estiven case sempre metida entre patacas, primeiro axudando a meus pais a plantalas, ¡e tamén a comelas! Como moitos recordades era prato fundamental na mesa case tódolos días, ou mellor dito ¡tódolos días! Na miña casa xa tiñamos algunha vez unha pingueira de aceite para botarlle, ou un cacho de carne salada para cocer.

Como anécdota aínda recordo ¡o traballo que daban! Arar con aqueles arados de madeira, trullalas, sachalas, e aínda despois arrendalas? Acórdome tamén de cando apareceron os primeiros escaravellos, que acababan coas follas das plantas, sacudíanse cun carabullo, recollíanse nun caldeiro e levábanse ao río ou botábanse no lume. Xa despois, de contado, empezaron a vir os sulfatos, primeiro en po e despois xa para disolver en auga. E chegaron aquelas primeiras sulfatadoras que había que ir con un balde atrás do que ía sulfatando, e despois xa as de levar no lombo.

Destas anécdotas poderíamos contar moitas, pero tampouco quero aburrir a ninguén, e moitas non merecen ser recordadas. Non vou falar da historia da pataca, nin de variedades, nin cousas desas porque seguro que pregoeiros anteriores xa o fixeron de maneira máis precisa e mellor do que eu sabería facelo. Quero centrarme na cociña, que a estas alturas levo bastantes máis quilos de patacas cociñadas ca plantadas e apañadas.

Con respecto á pataca na cociña tradicional, teño que dicir que non se me ocorre ningún alimento que se leve tan ben cos outros coma ela. Vou poñervos algúns exemplos:

Se ten que arreglarse soa, ¡arréglase! Cocemos unhas patacas coa tona, ben, cachelos, e xa comemos. Se lle botamos un pouco aceite de oliva xa é un manxar e se se requentan na sartén aínda non están moi mal.

Se nos poñemos a buscarlle mozos á pataca aguántaos ricos e pobres, do mar e da terra, e aclárovos.

Se imos ao mar, acompaña ben a calquera peixe, dende uns xurelos abertos á mellor caldeirada que poidades imaxinar e cos peixes que máis se coticen, dende os pintos ata o mellor abadexo ou rodaballo, sen esquecer o bacallau, que cunhas patacas compostas, a ver quen supera o prato.

Se vimos para terra firme, ¿a ver que carne da que preparamos habitualmente non quere ser compañeira das patacas? Do porco que vos vou contar, empezando polo cocido. Sucede o mesmo coa tenreira. Por exemplo unhas patacas estofadas con xarrete. Unhas patacas tamén aguantan un bo galo no forno. O conexo, aínda que sexa do monte, fai un bo xuntoiro no guiso coa pataca.

O cordero ou o cabrito, se lle asamos unhas patacas desas pequenas, aínda non fan moi mala parella.

¿E que me decides dos ovos? Fanse ben tortillas, pero como a de patacas? E así poderíamos seguir facendo xuntoiros durante un bo anaco, e a cada cal mellor.

Eu sei que a pataca ten que ser moi branca, ten que cocer o mesmo tempo e ten que ter un bo sabor. E con esas características non hai patacas que superen ás que se recollen aquí, en todas as parroquias de Coristanco.

Ben, e xa para finalizar, agradecervos que me aguantárades este anaco e á xente que nos visita de outros lados dicirlle que a calidade e o sabor que teñen as nosas patacas compensan con creces eses céntimos de máis que poidamos ter no prezo.

Moitas grazas e que se continúe celebrando esta festa durante moitos máis anos.

Clarisa Fernández, responsable e cociñeira de Casa Sánchez, ofreceu este pregón na Festa da Pataca.