«Vin andando dúas veces por min e pola muller»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

O veterano romeiro non faltaba a cita muxiá nin cando traballaba como emigrante en Suíza

14 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

juan oanes oanes 59 años

Juan Oanes Oanes, de Montecelo, na parroquia vimiancesa de Carnés, mantiña a tradición de acudir andando á Barca mesmo cando estaba emigrado en Suíza e esta fin de semana, aínda que onte cumpriu os 59 anos, tampouco faltou. Acompañárono Albino Vidal, Pablo Pérez, Martín Mantido, José Manuel Mouzo e máis as donas dalgúns deles que, nada máis chegar a Muxía tomaron o seu propio camiño.

-¿Cal é o seu primeiro recordo da Barca?

-Lémbrome de vir con miña nai de rapaz pequeno. Non sei exactamente, pero tería 8 ou 9 anos. Xa daquela se facía festa como agora, incluso había cousas como os fogos de artificio que nos impresionaban moito máis, porque agora velos no Carme de Camariñas ou en calquera sitio, pero naqueles tempos os da Barca eran unha cousa aparte.

-¿Por que iso de camiñar hasta Muxía?

-É algo que levo facendo toda a vida, con amigos, coa muller. Mesmo cando ela non podía -este ano está aquí, dixo que ía probar e fixo o camiño coma nada- incluso teño vido andando dúas veces, unha pola mañá e outra pola tarde, por min e máis por ela. O que si nunca quedei a durmir. Ás tres ou catro da mañá retírome e, se iso xa volvo ao outro día. Normalmente acostumamos a vir así o martes á misa e despois o venres todos xuntos en grupo.

-¿Garda algunha tradición especial?

-Non, algún detalle. Por exemplo, este pau que traio [mostra unha vara perfectamente limpa e rematada a navalla] foi cortado o ano pasado de camiño a Muxía e desta vez volveu comigo. A miña dona, María de los Ángeles, ten un que veu desde Basilea, en Suíza. Igual que trouxen as cousas da casa, electrodomésticos e demais tamén vén a vara de alá para España.

-¿Como cree que mudou a festa?

-Cambiou moito, a festa o pobo e máis todo. Agora isto é moito máis grande, hai unha cantidade de xente impresionante, sobre todo moitos rapaces novos, pero o espírito é practicamente o mesmo, veñen a pasalo ben como faciamos e seguimos facendo nós. O que hai é outro tipo de atraccións e cousas que antes de descoñecían.

-¿Ata cando volverá?

-Mentres o corpo mo permita, iso está claro, porque isto é unha cousa moi bonita, que facemos todos xuntos e trátase dunha tradición que nos gustaría manter. O único que botamos de menos e que non haxa un taberna en todo o camiño [ri cos compañeiros].