«Chama á atención o unido que está o pobo»

La Voz

CARBALLO

13 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

José Antonio Rodríguez Fernández estivo como mestre en Muxía 14 anos, onde dirixiu o colexio. Leva outros tantos fóra e xa hai dous que se xubilou, pero segue lembrándose tanto do pobo como o pobo del, de aí que o elixisen como pregoeiro das festas deste ano.

-¿Como recibiu o encargo?

-Con moita sorpresa e unha emoción indescritible, porque nunca na vida o imaxinei, pero tamén co orgullo de que se lembren dun despois de tanto tempo. Foron 14 anos dos que gardo un gran recordo, de aí que o meu pregón sexa un especie de resumo ou de memoria daquela época. Un momento no que a actividade escolar nos facía convivir a diario e do que destaco como nos integramos todos, mestre e pais e como se implicaba o pobo todo para, con poucos recursos, conseguir os obxectivos. Agora Muxía cambiou moito para ben.

-¿En que?

-Para empezar xa a estrada, que eu marchaba as fins de semana e para chegar a Santiago non sei cantas horas botaba polo medio daquelas curvas e de tantas fochancas. Todo o que se fixo no pobo, o polideportivo,... Daquela cando queriamos facer un festival, como o do Nadal por exemplo, iamos á lonxa ou a algún restaurante. Sobre todo, chama á atención o unido que está o pobo porque ves outros lugares por aí nos que non hai ninguén que se fale, pero aquí loitan todos por unha mesma causa.

-¿De onde vén o de Chantada?

-Son de alí, pero sobre todo débese a que eu non paraba de falarlles de Chantada. Dicíalle unha morea de cousas, sempre en clave de broma, como que tiñamos tren, aeroporto, praia. Agora vivo no Ribeiro, en Ribadavia, porque a miña muller tamén é mestra e en Chantada non tiñamos praza para os dous. Ela segue en activo e eu fai dous anos que me xubilei, co cal non teño vacacións, traballo todos días [risas], e agora coñécenme como O Chantada de Muxía, porque, igual que facía antes co meu pobo, agora non deixo de falar de Muxía e de contar as historias de aquí cada vez que teño ocasión de facelo.

-¿Como viviu os desastres deste inverno en Muxía?

-Moi emocionado ao ver á xente chorando pola televisión. Aínda que non puiden vir, contaxióuseme ese sentimento igual que recordo o Cason, porque no Prestige eu xa non estaba aquí, aínda que acudín a botar unha man no que puiden. Sobre todo, xa digo, sorprende a unión da xente.

-¿Que recordos garda dos primeiros días da súa estancia como mestre na localidade?

-Primeiramente a fala. Preguntábaslle a un rapaz de que traballaba seu pai e dicíache que tiña unha baca. Para nós, no interior, ter unha vaca soa parecíanos moi pouco, hasta que despois descubrín que era un barco. Tamén o seseo e a gheada. Eu acostumaba a contar que en Muxía había moito SIDA, porque comían as patacas cosidas, a pescada cosida,... [Risas]. Tamén xogabamos moito ao tute e eu sempre lles dicía que se me vía a federación xogando con categorías inferiores quitábanme o carné. Todo isto en ton de broma. Mesmo cantabamos todos xuntos nas prazas e non de bébedos, se non da alegría que sentiamos.