Grazas, Isabel. Grazas, Manolo

Moncho Gándara

CARBALLO

04 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tiven a sorte de coñecer persoalmente a Isabel López e a Manolo Rivas cando establecían o seu fogar en Urroa (Vimianzo). Xente acolledora, afable, cultivadores da autoestima no propio, nas nosas cousas, na nosa xente. Un veciño e unha veciña que calquera de nós tería a gala vivir no seu carón. Lémbrome hoxe daquelas publicacións escolares do instituto Terra de Soneira, que nos descubrían fermosas rutas de sendeirismo feitas polo monte Faro, Castrobuxán, Camariñas, penedos de Pasarela e Traba... rutas que Isabel participaba e impulsaba. Veciños da Costa da Morte e visitantes de moi diferentes países atoparon nas reportaxes periodísticas de Manolo Rivas e na súa obra narrativa e poética novas dimensións da nosa realidade, da nosa paisaxe, do noso ser...

Grazas, Manolo e Isa, por exercer de embaixadores de Vimianzo, Soneira e da Costa da Morte polo mundo adiante, e hoxe tamén, pola vosa sementeira de libros que facedes nesta agra aberta que é a nosa biblioteca municipal. O froito foi e será proveitoso. Parabéns para todos e a todas.

Moncho Gándara é membro do Seminario de Estudos Comarcais